Site icon Crónica3.com A Mariña

A EMMED de Ribadeo estrea unha aplicación informática para achegar información do centro ao alumnado e ás súas familias

Ribadeo, 23 de febreiro de 2017. A EMMeD estrea unha aplicación informática para achegar información do centro ao alumnado e ás familias. A escola ribadense é pioneira entre os centros de ensino musical da provincia en implantar este tipo de tecnoloxía. A idea é conseguir unha comunicación máis rápida e eficaz coa comunidade educativa ao tempo que reduce o uso do papel.

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo está de estrea. En pasados días comezou a funcionar un sistema de mensaxería instantánea que facilita a comunicación do centro co alumnado e as familias de maneira máis rápida, eficaz e segura. O director do centro, Hugo García, explica que “o que pretendemos é dar un paso adiante na calidade das comunicacións entre o centro, o alumnado e as familias. Avisos, notas, anuncios, etc. que ata o de agora faciamos en papel, agora chegaran aos teléfonos móbiles ou aos ordenadores das alumnas e alumnos e dos seus pais e nais de xeito máis rápido, garantindo a recepción e con total seguridade”.

García Presno engade que “incluso poderemos saber, en todo momento, se a comunicación foi lida e incluso se pode responder dende a propia aplicación. Este sistema, TokAppSchool, ten un custe anual moi inferior ao gasto que facemos actualmente en papel, impresións e correspondencia”. O centro ribadense será pioneiro entre as escolas de música da provincia en dispor deste servizo e atópase entre a ducia de escolas galegas que xa o empregan.

O director da EMMeD sinala que “con relación á seguridade, un dos aspectos que acostuma a preocupar máis, tanto ao centro como ao resto da comunidade educativa, as mensaxes son encriptadas e cumpren coa lexislación vixente en materia de protección de datos. O camiño da implantación de novas propostas tecnolóxicas na escola leva xa tempo presente e este é un paso máis que nos permite continuar ofrecendo un servizo diferenciador e de profesionalidade na atención ás alumnas e alumnos”. Hugo García Presno confía en poder eliminar as comunicacións en papel, reservando este medio tan só para a publicación dos correspondentes anuncios no taboleiro do que dispón o centro.

Exit mobile version