Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta organiza en Celeiro unha xornada informativa sobre o novo decreto de vivendas de uso turístico

Lugo, 2 de febreiro de 2017.- O salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Celeiro (avenida Gerardo Harguindey Banet, 2) acollerá a partir das 20.00 horas do vindeiro luns 6 de febreiro, unha xornada informativa sobre o novo decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

A charla correrá a cargo do delegado territorial, José Manuel Balseiro, e da xefa provincial da área de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez, que darán conta dos aspectos fundamentais do novo decreto e intentarán resolver as dúbidas, preguntas e cuestións que poidan xurdir en relación co seu contido e aplicación.

Balseiro convidou a todos aqueles que estean interesados en recibir máis información sobre esta cuestión a participar na xornada, de entrada libre e gratuíta, e na que tamén aproveitarán para dar traslado das principais liñas e subvencións que mantén abertas a axencia Turismo de Galicia.

Regula por primeira vez as vivendas de uso turístico
A principal novidade do novo decreto, que foi aprobado polo Consello da Xunta, é a regulación, por primeira vez, das vivendas de uso turístico, na que se conteñen os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer e o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.

Desde a administración autonómica lembran que esta nova regulación é necesaria debido á proliferación da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual, que se viu favorecida coa creación de páxinas web que ofertan este tipo de aloxamentos dun xeito rápido e sinxelo.

Coa nova norma a Xunta cumpre unha demanda do sector turístico, o cal manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado.

Exit mobile version