Site icon Crónica3.com A Mariña

ACIAM Xove valora de xeito moi positivo os resultados acadados na I feira multisectorial Agora Xove, que se celebrou a pasada fin de semana na localidade

120217 Foto desfile 2Xove, 13 de febreiro de 2017. Aciam Xove valora de xeito moi positivo os resultados acadados na primeira edición de Agora Xove, que tivo lugar durante a pasada fin de semana na localidade. Arredor de 4.000 visitantes pasaron polo recinto feiral durante o sábado e o domingo, e sobre 800 persoas asistiron ao desfile de moda co que se pechou o evento. Os comerciantes estudarán nunha xuntanza que manterán co alcalde, Demetrio Salgueiro, a periodicidade coa que se celebrará esta feira.

O presidente de Aciam, Juan Carlos López, fai unha valoración moi positiva de Agora Xove: “estamos encantados de como saíu todo, mellor imposible, aínda que o tempo non nos acompañou, pero ao final non influíu nin o tempo. Tivemos un éxito total, creo que quedou o listón moi alto para poder melloralo noutras vindeiras ocasións, pero haberá que tentar sempre ir mellorando pouco a pouco”.

Sobre a periodicidade de Agora Xove López manifestou que “temos aínda dúbidas de cómo imos facelo se anual ou bianual porque temos que sentarnos a valorar o que se pode mellorar. Sempre tentaremos valorar o que é o evento globalizado e melloralo no que se poida. Se decidimos bianual ou anual está por ver, teremos que sentarnos a falalo. Temos reunións previstas para xa porque temos que deixalo zanxado. Temos que sentarnos todos xunto co alcalde e decidir qué imos facer”.

Sobre o número de visitantes nesta primeira edición de Agora Xove para o presidente de Aciam “dar un número sempre é difícil, pero nós por estimacións que puidemos facer, cremos que entre o sábado e o domingo pasaron máis de 4.000 persoas. Unha cifra creo que realmente moi grande, impresionante. Onte no desfile de moda estaba o polideportivo onde se celebrou cunhas 700 ou 800 persoas, non cabían máis. E despois a xente que aínda estaba na carpa nos stands, durante todo o día foi un goteo constante de xente e iso que o tempo peor imposible”.

Juan Carlos López cre que “se superaron con creces as expectativas que tíñamos postas, aínda que sempre cando traballas moito e pos moito empeño queres que as cousas salgan ben, porque as fixeches con moito cariño e moito esforzo, pero a pesar de todo nosoutros nunca chegamos a pensar que podíamos ter tanta xente. Foi un éxito total”.

O presidente dos comerciantes xovenses comentou que “todos os stands que montamos aquí por comentarios que estivemos recollendo onte a noite despois de que acabou a feira, todos estaban moi contentos. Todo o mundo fixo as súas operacións, posibles vendas e acordos que se fixeron con posibles clientes. É do que se trataba, mostrar á empresa, publicitala, darlle unha imaxe e que a xente vexa que Xove ten moita empresa e moita industria”.

Juan Carlos López quere “dar as grazas a todos, e a Roberto Vilar porque con nós portase sempre de dez, é un embaixador estupendo, sempre nos bota unha mao, axúdanos, e está encantado de ser de Xove, como dixo no seu discurso de inauguración da feira”.

Exit mobile version