Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro informa da nova regulamentación para que produtores e comercializadores de pataca deixen constancia de plantacións ou vendas realizadas antes da prohibición

Lugo, 14 de febreiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, instou aos produtores de pataca -tanto profesionais como de autoconsumo- e tamén aos comercializadores dos 31 concellos afectados pola praga da couza, a que comuniquen a Medio Rural as plantacións que teñen realizadas e tamén as vendas de semente que poidan levar a cabo antes de que entre en vigor a prohibición que establecerá a normativa estatal, próxima a ser aprobada.

Lembra que esta medida servirá tanto para facer o seguimento e control desta praga, evitando o movemento deste tubérculo a outras zonas limpas, como para poder optar a futuras axudas.

Ampliar as medidas de seguimento e control
Neste senso o delegado explicou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que se vén de ampliar as medidas urxentes para a erradicación e control da praga e na que se reforza a vixilancia, tanto na orixe como na venda de patacas, e tamén nos mercados locais, competencia exclusiva dos concellos.

En todo caso, e á espera do decreto definitivo do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que establecerá as prohibicións con respecto ás patacas e áreas afectadas, a Xunta aconsella non realizar a plantación de cultivo deste tubérculo nas zonas demarcadas.

Balseiro afirmou que “se están a arbitrar as medidas necesarias para, por un lado, frear a praga, e por outro, evitar na medida do posible prexuízos ás persoas que xa mercaron ou plantaron a semente”.

En calquera caso, insistiu en que mentres non se aproba a normativa estatal, recoméndase non realizar a plantación de cultivo de pataca nas zonas demarcadas. Tras a publicación do programa nacional de control e erradicación do patóxeno, a presenza da praga nos cultivos das zonas afectadas suporá que estes sexan declarados como infestados, e procederase á arrinca e destrución da colleita.

Intensa campaña informativa
A Delegación Territorial da Xunta continuará nos vindeiros días co calendario de charlas que se desenvolverán en catorce concellos da provincia, todos os que o solicitaron. Así, sumáronse nos últimos días os municipios de Trabada, Barreiros, A Pontenova, Ourol, Foz e Burela de forma que o calendario -a expensas de novas incorporacións-, queda como segue:

• Martes día 14, ás 20 horas, en Xove, no salón de actos do Centro Cívico
• Mércores día 15, ás 12 horas, en Abadín, no salón de actos do Concello
• Mércores día 15, ás 20 horas, en Mondoñedo, no Centro Comarcal
• Xoves día 16, ás 20,30 horas, en Ribadeo, no salón de actos da Casa do Mar
• Venres día 17, ás 18.30 horas, en Trabada, no salón de actos da Casa da Cultura
• Venres día 17, ás 20.30 horas, en Riotorto, no Centro Sociocultural
• Luns día 20, ás 19 horas, en Alfoz, no salón de actos da Casa da Cultura
• Luns día 20, ás 21 horas, no Valadouro, no salón de actos da Casa da Cultura
• Martes día 21, ás 19 horas, en Viveiro, no salón multiusos da Casa do Concello
• Martes día 21, ás 21 horas, no Vicedo, no Centro Sociocultural
• Mércores día 22, ás 19 horas, en Barreiros, no local de San Xusto
• Mércores 22, ás 21 horas, na Pontenova, no salón de actos da Casa da Cultura
• Xoves 27, ás 19 horas, en Ourol, no edificio multiusos
• Xoves 27, ás 21 horas, en Foz, na Casa da Cultura
• Mércores 1 de marzo, ás 20 horas, en Burela, na Antiga Biblioteca

Cabe lembrar que esta rolda de sesións informativas xa se preveu na primeira toma de contacto que mantiveron o pasado luns o delegado e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, cos responsables dos 18 municipios lucenses nos que se rexistrou o problema.

A Delegación Territorial está a levar a iniciativa para achegar as explicacións oportunas aos veciños e veciñas dos 18 concellos lucenses afectados polo problema e lograr a súa colaboración co obxecto de frear o avance da praga.

A área afectada pola praga na provincia de Lugo está conformada polos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.

Exit mobile version