Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. UNHAS SON MÁIS IGUAIS CA OUTRAS.

Na Animal Farm de George Orwell os porcos reitores da revolución animal que botara fóra ao granxeiro foron desnaturalizando, co paso do tempo, a igualdade proclamada ao comezo (´todos os animais son iguais”) para xustificar os seus propios privilexios, chegando lexislar “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”.

Da lectura da sentenza do caso Noos tiramos a mesma conclusión a respecto das persoas: todas iguais, pero unhas máis iguais ca as outras. Cristina de Borbón foi absolta da acusación de delicto fiscal (condenada só como responsábel civil a devolver o diñeiro que o Tribunal entendeu se beneficiara del) por considerar o Tribunal que, malia ser socia, non era administradora de feito nin de dereito da sociedade AIZOON, S.L.

AIZOON, S.L. era administrada polo seu home e cobraba por servizos supostamente prestados ao Instituto Noos, asociación teóricamente sen fins de lucro que era a que conseguía os cartos públicos e na que rexía unha Directiva na que Urdangarín era presidente, o funcionario da Coroa, Gª Revenga Tesoureiro e a Borbón vogal. A AIZOON, S.L.. se lle cargaban gastos persoais en grande contía, mesmo o servizo doméstico da familia Borbón-Urdangarín. E Cristina de Borbón non se enteraba. Sen dúbida unha respectábel interpretación xudicial dos feitos probados que, porén, choca moitísimo coa praxe xudicial noutros casos semellantes.

Por outra banda, a condena penal de Urdangarin é certamente benigna. O Tribunal decidiu condenalo polos delictos continuados de prevaricación e falsidade en documento público e polo delicto de malversación de fondos públicos. Mais o Tribunal rebaixou substancialmente a pena aplicando unha regra pouco usada do Código Penal que permite beneficiar en circunstancias moi excepcionais aos autores non directos (Urdangarín era só cooperador necesario) e, por riba, aplicou a atenuante de reparación do dano, de moi discutíbel ponderación tendo en conta o atraso procesual co que Urdangarín depositou parte do diñeiro defraudado. A mesma regra de rebaixa da pena aplicábel e a mesma atenuante se lle aplicou ao delicto de fraude á Administracion balear polo que tamén foi condenado.
Se ao exposto lle engadimos a omisión total a respecto do papel xogado en todo este conto polo Emérito fica claro que algunhas persoas son máis iguais ca as outras.

Exit mobile version