Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza o V Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro

O Valadouro 14.2.17. O vindeiro sábado, día 18, comeza na Casa da Cultura de Alfoz o V Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro, co último cine en galego. Este ano a novidade serán catro documentais sobre cousas do Valadouro, impulsadas dende o Seminario de Estudos do Valadouro e rodadas por CAOLIPE Producións. Estarán presentes durante esta edición varios dos directores das películas: Pablo Ces (“O eslabón perdido”), Simón Casal (“Lobos sucios”) e Alberto Vázquez (“Psiconautas”).

Sábado, 18 de febreiro de 2017. 19,00 horas. CASA DA CULTURA DE ALFOZ.

“O eslabón perdido”.
DURACIÓN: 61 minutos.
ANO: 2014.
XÉNERO: Documental.
PROTAGONISTA: Benito Santos “BendeCorme”.
PRODUCIÓN: Cesmedia Internacional.
MÚSICA: Pilo Sierra, Kiko Reimúndez, José Bonham, Estudios Bonham.
DIRECCIÓN E MONTAXE: Pablo Ces.
SINOPSE: Benito Santos, máis coñecido como “Bendecorme”, é unha das referencias do boulder en Galicia, unha modalidade de escalada que se realiza en penedos de catro a cinco metros, sen máis axuda que a propia forza do escalador. Benito vive en Corme e alí pasa unhas tres horas ao día baixo a auga, dedicado á súa tarefa de buceador recolector. Cando remata dedica todo o tempo á súa actividade favorita: o boulder. O documental xira arredor desta obsesión de Benito. Nel coñeceremos como é a vida de Benito, o seu traballo de percebeiro, o seu entorno e, sobre todo, a súa actividade de escalador.

“Proba Artística das III Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz 2016”.
DURACIÓN: 90 minutos.
ANO: 2017.
XÉNERO: Documental.
PRODUCIÓN: CAOLIPE Producións / Seminario de Estudos do Valadouro / Instituto Alfoz-Valadouro.
PRESENTACIÓN: Claudia Pena e Luís Miguel Yáñez.
DIRECCIÓN E MONTAXE: Pepe Peinó.
SINOPSE: Cada ano, dende hai tres, os veciños do concello de Alfoz compiten divididos en parroquias. Son catro probas: Culturais, Artísticas, Deportivas e de Xogos Populares. No documental ofrécese o desenrolo da Proba Artística do ano 2016. A parroquia de Bacoi competiu coas cancións de Cándido Paleo; a de Adelán ofreceunos un estupendo baile arredor dun mix con cancións de ABBA; Mor representou a obra de teatro titulada “A historia de Pepito, o fracasado”; por Carballido Moncho cantou unha canción sobre “O verme da pataca”; as parroquias de Pereiro e Oiras actuaron xuntas, representadas polo humor de Gil; O Castro ofreceunos un vídeo destacando as virtudes da parroquia e os seus habitantes; Lagoa reuniu unha multitude de veciños sobre o escenario para representar unha historia da esfollada; Reirado e o barrio de Vilaúde, o último equipo, levou a escena unha das cantigas recollidas na publicación “Cóxegas”, de Celestino Cabarcos, o Bruxo dos ermos.

Sábado, 4 de marzo de 2017. 19,00 horas. CASA DA CULTURA DO VALADOURO.

“Sicixia”.
DURACIÓN: 98 minutos.
ANO: 2016.
XÉNERO: Ficción. Drama. Romance. Vida rural.
PROTAGONISTAS: Monti Castiñeiras, Marta Lado, Arantxa Villar, Melania Cruz, Artur Trillo, Daniel Trillo, Tamara Canosa.
PRODUCIÓN: Vía Láctea Filmes.
FOTOGRAFÍA: Diego Romero Suárez-Llanos.
GUIÓN E DIRECCIÓN: Ignacio Vilar.
SINOPSE: Xiao é un enxeñeiro de son que recorre as localidades e lugares máis recónditos de Galicia na procura de sons, da xente e da natureza. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, quen traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte.

“Antigas tabernas de Ferreira do Valadouro”.
DURACIÓN: 45 minutos.
ANO: 2017.
XÉNERO: Documental.
PRODUCIÓN: CAOLIPE Producións / Seminario de Estudos do Valadouro / Instituto Alfoz-Valadouro.
DIRECCIÓN E MONTAXE: Pepe Peinó.
SINOPSE: Hai algo máis de medio século en Ferreira do Valadouro as tabernas eran o lugar de reunión e de encontro dos veciños. Había varias: a de Ramón Blanco, a carón da ponte, fronte ó bar Asturias; a da Barra, no centro da rúa Andrés López Palmeiro; a de Mogo, na praza de Santa María, e a dos Lobos, á saída de Ferreira cara a Mondoñedo. Este documental naceu da Primeira Exposición de Fotos Antigas que, organizada por APRODECO e o Seminario de Estudos do Valadouro, tivo lugar a finais do pasado verán de 2016. Nel os descendentes dos propietarios das tabernas, así como os clientes e os veciños, cóntannos como era a vida nestes establecementos que tanto contribuíron á vida social de Ferreira.

Sábado, 11 de marzo de 2017. 19,00 horas. CASA DA CULTURA DE ALFOZ.

“Psiconautas”.
DURACIÓN: 76 minutos.
ANO: 2015.
XÉNERO: Animación para adultos. Drama. Cómic.
GUIÓN: Alberto Vázquez, Pedro Rivero (Cómic: Alberto Vázquez).
PRODUCIÓN: Zircozine / Basque Films / Abrakam Estudio / La Competencia.
MÚSICA: Aranzazu Calleja.
DIRECCIÓN: Pedro Rivero, Alberto Vázquez.
SINOPSE: Adaptación cinematográfica animada da novela gráfica homónima de Alberto Vázquez. Conta a historia de Birdboy e Dinki, dous amigos que loitan por non enfrontarse á realidade na que viven. Como exploradores que son albergan a esperanza de atopar un lugar mellor no que vivir, pois a illa onde viven xa non é o que era debido a un accidente industrial, e o aire que se respira é asfixiante.

“Cabalgata de Reis en Alfoz 2017.
DURACIÓN: 60 minutos.
ANO: 2017.
XÉNERO: Documental.
PRODUCIÓN: CAOLIPE Producións / Seminario de Estudos do Valadouro / Instituto Alfoz-Valadouro.
PRESENTACIÓN: Antonio Jesús Lorenzo “Cachín”.
MONTAXE E DIRECCIÓN: Pepe Peinó.
SINOPSE: A noite do 5 de xaneiro os Reis Magos recorren todos os lugares do mundo repartindo agasallos e ilusións para nenos e maiores. Tamén estiveron en Alfoz o 5 de xaneiro do 2017. No documental sae o percorrido dos Reis polas parroquias da montaña e do val de Alfoz, a súa visita á residencia de anciáns de Correlos e ó Castelo do Castrodouro, onde multitude de nenos acudiron a pedirlles os seus agasallos deste ano e onde os obsequiaron cunha saborosa chocolatada.

Sábado, 18 de marzo de 2017. 18,00 horas. CASA DA CULTURA DO VALADOURO.

“Lobos sucios”.
DURACIÓN: 105 minutos.
ANO: 2015.
XÉNERO: Thriller. Aventuras. Baseado en feitos reais. Anos 40. Bruxería. Nazismo.
PROTAGONISTAS: Marian Álvarez, Manuela Vellés, Isak Férriz, Pierre Kiwitt, Thomas Coumans, Sam Louwyck, Ricardo de Barreiro, Xose M. Esperante.
Guión: Carmen Abarca, Paula Cons, Felipe Rodríguez, Noelia del Río.
PRODUCIÓN: Coprodución España-Bélxica: Agallas Films / Dream Team Concept / Left Field Ventures.
MÚSICA: Sergio Moure.
DIRECCIÓN: Simón Casal.
SINOPSE: Manuela, unha mineira que sofre o rexeite dos demais por ser medio bruxa, decide roubar ós nazis para tratar de curar á súa filla enferma. Nesta aventura conta coa axuda de Candela, a súa irmá pequena. O que se pretende é mostrar como dúas mineiras galegas puideron cambiar o curso da historia durante a Segunda Guerra Mundial. A película está ambientada nas minas galegas de volframio que foron explotadas polos nazis durante a guerra e inspírase libremente en feitos, historias e personaxes reais.

“Mercado de Primavera de Ferreira 2016”.
DURACIÓN: 100 minutos.
ANO: 2017.
XÉNERO: Documental.
PRODUCIÓN: CAOLIPE Producións / Seminario de Estudos do Valadouro / Instituto Alfoz-Valadouro.
PRESENTACIÓN: Antonio Jesús Lorenzo “Cachín” e Javier Pernas.
MONTAXE E DIRECCIÓN: Pepe Peinó.
SINOPSE: O Mercado de Primavera de Ferreira celebrábase todos os anos dende hai moitos anos na capital do Valadouro. Logo, coa chegada da modernidade, a celebración do Mercado perdeuse. Volveuse recuperar nos últimos anos como unha lembranza da historia da vila e dende entón converteuse nunha das citas festivas obrigadas da comarca. O documental está cheo de entrevistas á xente dos postos e ós visitantes, ós Alcaldes de Alfoz e do Valadouro e ós Concelleiros de Cultura e a outras persoas coñecidas dos dous concellos, así como a xente que veu de fóra. Tamén pode verse o orixinal desfile das zocas, monicreques, mago para os nenos na praza… E reunión de moita xente nas tabernas e nos bares de Ferreira, cheos de visitantes, moita festa e alegría, cancións, saúdos, bailes… Actuacións diversas de Amado Lar e Cé Orquestra Fantasma, así como de Festicultores Troupe… Toda unha xornada da pasada edición do 2016 resumida nuns 100 minutos de proxección.

Exit mobile version