Foron varios os aspectos tratados: itinerario da carreira, premios, actuacións musicais e, tamén, todo o referido á necesaria protección dos e das participantes.
O Correlingua, actividade que pretende pór en valor a lingua propia de Galiza, o galego, iníciase no primeiro trimestre do curso escolar coa publicación do lema (este ano, en galego, sen cancelas) e as inscricións nos diferentes concursos (cantalingua, vídeo, manifesto e banda deseñada). O alumnado elabora as súas propostas para estes no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país. Como se dicía ao inicio, este ano, na nosa comarca, tócalle a Viveiro acoller esta carreira, o 9 de maio, e prevese unha alta participación, tanto de infantil e primaria como de secundaria.
A Coordinadora do Correlingua na Mariña, Dores Fernández Abel, agradece aos Equipos de Dinamización Lingüística dos centros o seu empeño e ánimo para con esta actividade, ao igual que o resto dos colaboradores, en especial ao anfitrión deste ano, o Concello de Viveiro, que pon a disposición da organización todo o necesario para que a actividade poda levarse a cabo con total normalidade.