Santiago, 24 de febreiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega criticou hoxe a “irresponsabilidade” dalgúns alcaldes socialistas da Mariña lucense ao anunciar que non colaborarán na loita contra a praga da pataca. “Pídolles que non xeren confusión e colaboren adopción de solucións, porque só desde a unidade de acción e poñendo en marcha as medidas marcadas polos técnicos será posible frear a expansión deste insecto”, indicou.
Daniel Vega afirmou que “o alcalde do Valadouro ou a alcaldesa de Trabada terían que aprender do alcalde de Burela, tamén compañeiro socialista, que precisamente facía un chamamento á colaboración e prudencia”.
MEDIDAS CLARAS, PÚBLICAS E NOTORIAS
“As medidas de control para frear a expansión da couza da pataca son claras, públicas e notorias, polo que non ten porque haber dúbida algunha ao respecto”, manifestou o deputado popular. Neste sentido, lembrou que “a Consellería leva actuando desde o primeiro momento para que esta praga non afecte aos principais cultivos, tomando diferentes medidas de seguimento, control e erradicación, sempre en coordinación cos agricultores afectados e con outras administracións, especialmente o Ministerio de Agricultura”.
O deputado popular aclarou, ademais, que “son os concellos os competentes en materia de control das feiras e mercados que se celebran nos seus termos municipais, do mesmo xeito que cobran unha taxa aos postos que se instalan nestes mercados”.
CONTROL DOS CONCELLOS
“O único que fixo a Consellería do Medio Rural foi pedir un esforzo aos concellos para que, dentro das súas competencias, intensifiquen o control sobre o comercio de patacas nestes mercados locais, co fin de evitar que se estenda a praga máis alá da zona demarcada”, sinalou.
Entre as medidas adoptadas contra a praga da pataca, Vega concretou que se levan instaladas 400 trampas para a captura deste insecto no campo galego, que capturaron 12.443 animais. Ademais, repartíronse 1.200 polilleiros e feromonas e destruíronse case 7.000 quilos de pataca afectada das campañas 2015 e 2016, pagando o produto eliminado aos agricultores a un prezo de 30 céntimos por quilogramo.