Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous ribadenses na Cova do Rei Cintolo

Dous meses despois de celebramos os cincuenta anos da publicación da primeira edición da novela “As Covas do Rei Cintolo” de Daniel Cortezón regreso á caverna de Sopena para contarlles, entón descoñecíao, que hai nova edición dese texto; e que trae un premio engadido.

Trátase da edición conxunta e en facsímile da novela de Cortezón publicada pola Editorial Galaxia en decembro de 1956, e do cómic “A Cova do Rei Cintolo”, tamén en facsímile aínda que co texto traducido ao galego, con debuxos e guión da autoría de Suso Peña, obra que fora publicado en 1982 pola Editorial Toutain co nº 18 da colección “ilustración + comix internacional”.

Mentres que a novela de Daniel Cortezón (Ribadeo 1927-Lugo 2009) é case unha ópera prima, a historieta de Suso Peña (Ribadeo 1941-2005) corresponde a un debuxante na madurez. Ambos textos, ademais de teren como decorado a propia cova e como tema guía sendas historias de amor, inspíranse no lendario tradicional, coa licenza lóxica da persoal creatividade.

Os autores, ademais de seren nacidos e residentes unha boa parte das súas vidas en Ribadeo, tiñan en común a amizade e a formación autodidacta. Amizade compartida co escritor e impresor de Viveiro, Manuel López, que foi quen tivo a feliz ocorrencia de reunir estas dúas historias nun só volume.

Non repetirei agora aquí os méritos literarios que adornan a figura de Daniel Cortezón, recoñecido sobre todo como autor dramático, pero si debo dicir dúas palabras de Suso Peña, un artista ribadense de enorme mérito que foi debuxante, ilustrador, deseñador, fotógrafo, guionista, infografista… Un historietista que na súa longa etapa en Barcelona formou parte do colectivo “La Floresta” do que participaban outros ben coñecidos debuxantes como Carlos Giménez, Ramón Torrents, Adolfo Usero, Esteban Maroto e Luis García. Entre as súas múltiples obras, editadas en diferentes países, quizais a máis coñecida sexa “El Senado en España”, publicada en 1985.

Celebramos e agradecemos esta oportunidade que nos ofrece a edición de Manuel López para ler ou reler estas dúas pezas, agora reunidas, de difícil ou imposible localización. Unha oportunidade para traer á actualidade dúas obras e dúas traxectorias que ben merecen a nosa lembranza. E tamén se nos ofrece unha ocasión única, inesperada, para penetrar na gran cova mindoniense, a meirande das existentes en Galicia, da man da literatura de Daniel Cortezón e dos debuxos e dos textos de Suso Peña.
Os ousadas e as ousados seguramente xa o saben; a Cova do Rei Cintolo, a de verdade, abre citas a visitas guiadas para percorrer un bo tramo do interior desde a primavera ao outono. Unha boa oportunidade para coñecer en persoa o Demo Maior que alí mora, o Cabaleiro da Centilante Espada que negocia un anaco do seu rabo para tratar un mal da amada Margarita, a Uxío e a Xila, e ao propio e verdadeiro Rei Cintolo que por alí anda, sempre agarimoso coas visitas que se lle fan con boa vontade.

©Antonio Reigosa –cronista oficial de Mondoñedo

Exit mobile version