Site icon Crónica3.com A Mariña

Espina y Delfín e Concello de Burela asinan un convenio con fins sociais para que a ningún veciño en situación de emerxencia social lle sexa cortado o subministro

Burela, 17 de febreiro de 2017. Concello e Espina y Delfín (empresa concesionaria do servizo de augas) asinaron este mediodía un convenio con fins sociais para que a ningún veciño en situación de emerxencia económica lle sexa cortado o subministro. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que se trata dun acto de solidariedade.

O rexedor explicou: “firmamos un convenio que eu penso que é positivo para os veciños de Burela. É un acordo coa empresa Espina y Delfín, que é a concesionaria do servizo de augas no noso concello.

Basicamente trátase de incrementar o regulamento que aprobamos recentemente con respecto ás emerxencias sociais. Concretamente este convenio busca favorecer a aquelas persoas que, por emerxencia social, soliciten axuda para poder pagar o recibo do subministro de auga nun momento no que estean en situación de dificultades económicas. Neses casos teñen que facer a petición a través dos servizos sociais e desde o Concello comunicarémosllo a Espina y Delfín para o que teña en conta e non actúe de oficio ante un impago e non inicie un procedemento de corte do subministro”.

Para Llano “do que se trata é de amosar a solidariedade tanto do Concello como da empresa concesionaria con aquela xente que nalgún momento pase por dificultades económicas. Vamos facelo a través dos servizos sociais do Concello por medio do regulamento que ampara a emerxencia social, pero tamén queríamos que a empresa concesionaria fose consciente e botase unha man neste aspecto. E así o vai facer da seguinte maneira: se a empresa detecta que algún veciño non pode pagar o recibo comunicarallo ao Concello, que contactará con esa persoa. A empresa non abrirá ningún expediente e o Concello actuará para axudar a esas persoas que non poden pagar o recibo da auga”.

E engade: “polo tanto, vamos darlle axuda directa ás persoas que a soliciten por emerxencia social para pagar o recibo da auga”.

Exit mobile version