Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez incidiu na preocupación pola couza guatemalteca que existe entre os produtores de pataca, critica que so se teñan feito recomendacións desde a Xunta e urxe que se adopten decisións e medidas concretas

160217 Foto charla pataca Ribadeo 2Ribadeo, 17 de febreiro de 2017. A Casa do Mar quedouse pequena para acoller a toda a xente que acudiu onte á tarde á charla sobre a couza guatemalteca que pronunciaron dous técnicos da Xunta de Galicia. Finalmente o acto trasladouse ao auditorio municipal Hernán Naval. O alcalde incidiu na preocupación que existe entre os produtores ribadenses, critica as recomendacións feitas desde a Xunta e urxe que se tomen decisións e medidas concretas.

Alí o alcalde, Fernando Suárez, dixo: “Deus me libre de discutirvos nada técnico porque non é a miña cuestión. Pero o que pasa é que vedes que aquí hai dúas cousas: primeiro, agora non queda outra que mirar para diante pero no pasado no se foi moi áxil; non por vós, que sodes uns funcionarios, uns traballadores, e facedes o que vos mandan, pero realmente non é a mesma incidencia, polos estudos que vosoutros destes, que había en Burela que en Ribadeo, porque aquí seguramente haxa bicho, aínda que en todo o que levo escoitado ninguén me dixo que o houbera, pero se o decides vós seguro que o hai, aínda que non é menos certo que na parte da Mariña de aló hai moitísimo máis, porque alí si que é evidente. Entón igual se puido ser un pouco máis áxil. E agora o problema é que máis dá, non foi ben, pero vamos mirar para diante. Claro, non queda outra que mirar para diante porque a xente aquí agora ve que, aínda que as administracións sexan de diferente cor política, todos queremos resolver o mesmo, matar a praga e queremos volver labrar patacas, para autoconsumo, para vender ou para o que sexa”.

O rexedor manifestou: “pero outro problema que vemos tamén é que detectamos unha praga e as únicas medidas que se dan son unhas recomendacións; e teño as miñas profundas dúbidas de que sexa posible que hoxe, mañá ou para a semana que vén ou mentres non saia publicado o decreto estatal se lle diga a alguén que as retire sen indemnización, a ninguén. Iso é un principio básico de dereito”.

Suárez Barcia sinalou: “ademais vexo que cando hai problemas irradiamos cartas para todo o mundo: para que o Concello vaia coa Policía Local, que irá pois o Concello de Ribadeo non vai ser insubmiso, irá ao mercado a mirar, pero nos que non teñen Policía Local, como Barreiros, Alfoz, O Valadouro, Ourol ¿quen vai ir? Iredes vós. E despois ¿quen vai regular fóra do mercado? O tema é que nesta situación para ser unha peste non se toman medidas propias dunha praga senón recomendacións e así non se vai conseguir nada. Recomendamos que non se labre, pero non se toman medidas”.

O alcalde ribadense na súa intervención indicou que “todos queremos que isto se erradique, pero moito nos tememos que con isto vaia pasar como coa velutina, que nos primeiros momentos todo o mundo intenta combater e despois acaban por renderse porque se ve que vén por todos os lados. O Estado queda moi lonxe aquí para moitas cousas, pero a Xunta de Galicia ten a competencia plena en agricultura e podía hai tempo tomar medidas coercitivas, pero non o fixo e agora estamos así todos”.

E engadiu: “transmitide aos que vos mandaron aquí, pero que non viñeron, que Ribadeo vai colaborar en todo canto poida, pero nin o alcalde nin os concelleiros da corporación van ir polas palleiras revisando iso. Pedirlle á xente que sexa consciente de que isto é unha desgraza é importante facelo, pero debe ir acompañado dunhas medidas a tomar con claridade”.

Para Fernando Suárez “non se está actuando dunha maneira adecuada contra unha praga e ademais, desgraciadamente, vén para quedarse. Polo tanto transmitide a enorme preocupación que ten aquí a xente e que solucións se tiñan que tomar de maneira inmediata e non por recomendacións senón por decisións”.

 

Exit mobile version