Site icon Crónica3.com A Mariña

Llano asegura que a feira Expomar 2017 se presenta con moi boas expectativas e subliña que xa está confirmada a participación dun número importante de stands

Burela, 21 de febreiro de 2017. O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, asegurou que a feira que terá lugar en maio se presenta con moi boas expectativas e subliñou que xa está confirmada a participación dun número importante de stands.

Alfredo Llano comentou: “tivemos a primeira reunión da comisión de Expomar para preparar a feira exposición que hai este ano 2017. Basicamente onte foi o primeiro contacto para ir dispoñendo, organizando e sabendo máis ou menos o que queremos e cómo están as cousas”.

O rexedor burelés dixo que “en principio temos moi boa expectativas, dado que xa hai moitos stands comprometidos e moitas marcas tamén comprometidas. Polo tanto hai garantías seguro para completar perfectamente o espazo que hai na nave de redes de Burela. A feira exposición eu penso que vai ser moi bonita, hai novidades, hai cousas interesantes, hai novas marcas, hai novos stands e polo tanto vai ser moi interesante para o sector náutico pesqueiro”.

O presidente da Fundación Expomar declarou que “onte estivemos tamén tratando de ver temas que se poden falar e informar nas xornadas técnicas que imos procurar facelas dous días, aínda que se está pensando en facer soamente un día este ano, pero xa falaremos disto durante este tempo. Estivemos estudando os temas dos que imos falar. Os máis interesantes son a comercialización, os descartes, o Brexit e como vai afectar que o Reino Unido non estea na Unión Europea con respecto á pesca. Despois tamén se vai falar dos caladoiros”.

Alfredo Llano asegurou que “son temas que se puxeron onte enriba da mesa, que imos seguir pensando, pero os asuntos irían por aí o máis seguro. Son temas que son preocupantes no sector e están na orde do día da información náutico pesqueira e polo tanto creo que van ter calado, van ter interese e vai haber xente para ir velos seguro. Tamén imos procurar falar algo das nosas especies que estamos traballando aquí no noso porto de Burela, buscando a maneira de facelo de acordo co que aporte cada sector ou cada confraría. Imos tentar que todo o mundo poida participar, pero en principio a través da comisión decidimos isto”.

O alcalde anunciou que “imos facer a próxima reunión en marzo, cara mediados de mes, e aí xa imos completar os temas que imos dar. Se imos facer unhas xornadas técnicas o xoves e o venres ou soamente un día. Tamén imos facer o encontro empresarial que aínda que xa de por si aparecen aquí en Burela moitos representantes dos armadores, do sector, dos comercializadores, etc… e xa falarán do que estea na preocupación de todos eles e que queiran aportar algunha solución para sacar unha conclusión final que é o que se ven facendo todos os anos nos encontros empresariais”.

Para Alfredo Llano “a feira exposición Expomar de Burela ten moi boas expectativas. Consideramos que non soamente non vai baixar senón que van subir as novidades náutico pesqueiras. Por outro lado trataremos de concretar xa os temas que queremos que se falen nos encontros empresariais e tamén nas xornadas técnicas, para facer esta edición moi interesante para todo o mundo que estea interesado neste sector e incluso para a xente que teña algún interese cultural, comercial, de consumo ou empresarial. Imos intentar facer unha boa edición este ano e agora mesmo estamos no camiño de ir construíndo esta nova edición”.

A XVII Feira Monográfica Expomar terá lugar do 25 ao 28 de maio en Burela.

Exit mobile version