Nas súas verbas, a secretaria xeral para o Deporte destacou como a práctica deportiva pasou dun 55,1% en 2007 a un 70,75% en 2014 segundo a enquisa realizada pola USC en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte no marco do programa Galicia Saudable. “Queremos que estes números sigan a medrar e acadar unha poboación activa ao 100%”, engadiu.
A primeira hora da mañá, Marta Míguez dirixiuse a Riotorto para comprobar in situ a pista de pádel sita en O Mazo, financiada integramente pola Xunta de Galicia a través dunha partida de 19.999,99 euros ao abeiro do convenio asinado o pasado 19 de setembro. Posteriormente, a secretaria xeral dirixiuse ao campo de fútbol municipal ‘A Veiga’ onde se realizou a mellora do céspede segundo o convenio asinado o pasado 16 de xuño. O importe total desta actuación foi de 3.121,80 euros dos que a Xunta de Galicia achegou 2.500 euros e o Concello de Riotorto os 621,80 euros restantes.
Máis tarde, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico visitou a área deportiva de Castro Ribeiras de Lea, sita no municipio lucense de Castro de Rei. Alí, supervisou o campo de adestramento de fútbol, que contou cun investimento da Xunta de 49.890,77 euros.