Site icon Crónica3.com A Mariña

No pleno ordinario que celebrará a mancomunidade de municipios da Mariña o vindeiro 8 de febreiro abordaranse asuntos como a presenza de socorristas nos areais durante o verán, a sinalización da comarca, o plan avanza e a necesidade de realizar melloras nas liñas e nas estacións de FEVE

A Mariña, 3 de febreiro de 2017. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno ordinario o mércores da vindeira semana, día 8. Entre os asuntos a tratar figuran a presenza de socorristas nos areais durante o verán, a sinalización da comarca, a reclamación de melloras das liñas e estacións de FEVE e tamén o plan Avanza.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, anunciou que “o próximo 8 de febreiro imos facer unha sesión plenaria da Mancomunidade no Concello de Foz. Correspóndelle alí porque imos rotando a medida que imos avanzando no tempo”.

Alfredo Llano explicou que “é un pleno ordinario e imos tratar varios asuntos, pero eu salientaría que imos falar nos informes de presidencia e debateremos sobre cuestións que nos poden importar a todos, como poden ser os socorristas para as praias. Temos algo mirado, pero hai que informar e ver qué decisión podemos tomar con respecto á realización de cursos. Agora mesmo estamos xa case no límite de poder organizar algo para que teñamos socorristas para os meses de xuño, xullo e sobre todo agosto”.
O presidente da Mancomunidade relatou que “outra cousa que eu vou plantexar é unha sinalización da Mancomunidade, da comarca como tal. A ver cómo podemos xestionalo porque segundo defendemos agora o turismo en Fitur, podemos tamén concretalo aquí cunha nova sinalización e algo que lle dea singularidade á nosa comarca”.

Llano manifestou que “imos falar un pouco da reunión que temos previsto facer con FEVE, con técnicos ou responsables desta liña, para falar basicamente daquela proposta que xa temos nosoutros plantexada desde a Mancomunidade, unha mellora nas liñas, nas estacións e sobre todo unha garantía de servizos para a xente que puidera vir a visitarnos, ofertar algo específico como poden ser trens turísticos que nos poidan visitar. E tamén vai a incorporación porque todos os Concellos que compoñen a Mancomunidade aceptan, como non podía ser doutra maneira, a Viveiro como parte integrante xa da nosa Mancomunidade. Ese era un requisito que había que ir facendo en todos os Concellos aprobando en pleno a incursión de Viveiro neste ente. Eu considero que xa para esa data, para o día 8, estará todo disposto para poder incorporalo”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña engadiu que “falaremos un pouco dos orzamentos, basicamente sempre pensando na comarca e na mellora que se poida realizar entre todos nosoutros para que dalgún xeito se vaia notando e sexa sobre todo aproveitada polos veciños que compoñen os 16 concellos que conformamos A Mariña”.

Outro dos temas que se tratarán neste pleno ordinario do 8 de febreiro é o plan Avanza que segundo lembra Alfredo Llano “é un proxecto de formación, sobre todo pensando na inserción laboral de persoas que non o teñen moi doado, xente que está no paro e que ten difícil a inserción laboral. Hai seis concellos implicados neste plan Avanza para poder facer unha inserción laboral como mínimo de 21 persoas, das 60 que agora mesmo están realizando este programa. Agora vai tocar a formación, polo tanto imos tratar a contratación dunha empresa para levar adiante esta formación. Xa fixeron unha formación previa, estiveron aprendendo un pouco en diferentes sitios, en Mondoñedo, en Burela, en Barreiros, etc…, en diferentes grupos, unha formación transversal que se refire a saber facer un currículo, cómo moverse no mundo laboral, unha serie de asuntos que é bo e necesario ter en conta para a busca de emprego”.

Llano sinalou que “agora xa corresponde unha formación máis específica, dirixida a tres plans. Un deles sería axuda no fogar, outro para restauración e hostalería, e outro para traballar no peixe por exemplo. Esa formación específica é a que se pretende dar a partir de agora. Imos contratar xa inmediatamente unha empresa para que dea esa formación e ao mesmo tempo, e paralelamente, imos ir buscando empresas para que unha vez que rematen esa formación máis específica se poidan integrar nalgún posto de traballo que teña afinidade coa formación que se pretende dar. Tamén se vai aprobar ese punto o día 8. Parécenos moi importante agora mesmo que estamos xa no mes de febreiro, é un programa que rematará no mes de agosto, pero hai que ir dando os pasos. Penso que é unha gran idea, tivemos unha boa iniciativa estes seis concellos, pero calculo que se hai unha proposta nova este ano, imos xa procurar entrar todos os concellos porque penso que é unha boa responsabilidade poder ofertar desde os concellos unha inserción laboral para toda a xente que o poida necesitar, e sobre todo esta xente que dalgunha maneira ten difícil a súa inserción”.

Exit mobile version