Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Burela lembra a obriga de levar os cans atados pola rúa así como de recoller os seus excrementos

Burela, 17 de febreiro de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, lembra a obriga de levar os cans atados cando se pasea pola rúa e de recoller os excrementos destes animais. O rexedor fai este aviso despois dos incidentes rexistrados nos últimos días en Burela polo incumprimento da normativa reguladora.

Llano dixo que “ultimamente en Burela estase detectando que existen moitos cans soltos pola rúa, de feito hai varias denuncias, unhas feitas pola Policía Local e outras pola Garda Civil, e incluso por veciños que son afectados”.

O rexedor lembrou que “todo o mundo que ten un can, ten a obriga de levalo atado cando pasea pola rúa, dalgunha maneira suxeito con todas as garantías de que non se solte porque poden suceder cousas que agora mesmo sabemos que están a suceder cando hai cans soltos, sobre todo aqueles que pola súa raza poidan impresionar ás persoas, aos nenos e á xente que pasea polas rúas ou que está a pasar un rato de lecer nos parques públicos”.

Para o alcalde burelés “se todo o mundo asume a súa responsabilidade, todo o mundo sabe o que implica ter un animal na casa e que sae á rúa. Hai que levalo atado e hai que recoller os excrementos. Ninguén ten porqué sentirse afectado pola neglixencia doutras persoas”.

Alfredo Llano fixo fincapé en que “hai que ter a responsabilidade clara e exercela. Ter coidado con levar sempre os cans atados de maneira que sexa garante de que non se van soltar. Déronse seis casos nos últimos días que van ter sancións posiblemente derivado de non exercer a responsabilidade que lles corresponde”.

O alcalde subliñou que “é un aviso que fago para que todo o mundo poida cooperar e colaborar para que en Burela sexamos un exemplo de convivencia, e de non molestar a ningún veciño porque nos guste ter algo na casa ao que ao mellor deberíamos prestarlle máis atención”.

Exit mobile version