Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz pronúnciase sobre a municipalización do servizo de auga

Foz, 14 de febreio de 2017. O BNG defende a xestión directa do servizo da auga, partindo da consideración da mesma como un patrimonio do conxunto da sociedade e non como un ben comercial. Os servizos básicos de abastecemento e saneamento da auga son un dereito humano e polo tanto a súa provisión é unha responsabilidade da Administración pública.

No último Pleno ordinario do Concello de Foz celebrado a finais do mes de Xaneiro o BNG votaba en contra da moción do partido socialista na que se solicitaba a creación dunha mesa da auga para explorar unha posible remunicipalización da xestión deste servizo.

“Foi necesario que votásemos en contra desta moción, respaldándonos na coherencia que sempre nos caracterizou”, afirman as portavoces. “Votamos en contra do oportunismo e das contradicións dun partido socialista que parece que esqueceu que parte da responsabilidade de que os veciños e veciñas de Foz se encontren nunha situación de débeda millonaria con Gestagua é culpa deles, un PSOE que pretende lavar a cara presentando unha moción que en ningún caso solicita a municipalización do servizo, senón a creación dunha comisión onde se poida abordar o tema, unha mesa de debate sobre a auga”, engaden Seivane e Rego.

O BNG afirma que a xestión pública da auga non responde exclusivamente a consideracións de natureza ideolóxica, senón que ten unha importante xustificación técnica. Neste sentido, debemos ter en conta o informe do Tribunal de Contas, que conclúe que nos concellos de menos de 20.000 habitantes a xestión directa de servizos básicos como o abastecemento de auga, a limpeza viaria ou a recollida de lixo ten un custe menor que a xestión indirecta.

Seivane e Rego recordan que “o Concello de Foz ten externalizado o servizo de abastecemento de augas desde hai preto de 25 anos, o que nos permite facer unha valoración sobre as consecuencias que esta decisión tivo para os nosos veciños e veciñas.”

“Así, no próximo Pleno defenderemos unha moción clara que solicita que o Concello de Foz proceda á municipalización do servizo de abastecemento e depuración de augas e que consecuentemente se inicien os trámites e procedementos necesarios para establecer a xestión directa do servizo de abastecemento e depuración de augas. Farémolo porque cremos firmemente que esta non é unha cuestión meramente técnica, senón de clara vontade política”, explican as concelleiras nacionalistas.

Exit mobile version