Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo acollerá esta fin de semana o campionato galego de natación júnior e infantil de inverno

210217 Presentación campionato natación de InvernoCervo, 21 de febreiro de 2017.- O Concello de Cervo acollerá esta fin de semana o Campionato Galego de Natación de Inverno nas categorías Júnior e Infantil, que se disputará o 24, 25 e 26 de febreiro na Piscina Municipal Olímpica de San Ciprián.

Na presentación da proba, que tivo lugar esta mañá, participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o delegado de deportes José Ramón Soto, a Vicepresidenta da Federación Galega de Natación, Ángeles Lorenzo, o xefe do servizo provincial de Deportes, Manuel Otero, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e o presidente do Club Natación Xove, Bernardo Rouco.

No campionato, organizado polo Concello de Cervo, en colaboración co CN Xove e a Federación Galega de Natación, participarán 315 nadadores (161 homes e 154 mulleres), pertencentes a 24 clubs galegos.
Durante a presentación o alcalde, Alfonso Villares, significou a importancia que ten para Cervo “acoller e organizar unha competición deste nivel, que supón un escaparate de primeira orde, xa que prevemos que máis de 800 persoas visitarán o noso municipio ao longo de toda a fin de semana, entre nadadores, público, adestradores e delegados, e estimamos polo tanto, que a ocupación hostaleira no municipio rondará o 100%”.

Así mesmo, Villares sinalou que “en Cervo temos o privilexio de contar cunha piscina municipal olímpica, de 50 metros e 8 pistas, única destas características en toda a provincia de Lugo, e das poucas que hai en Galicia, o que a convirte na mellor das instalacións para acoller un evento deportivo desta categoría”.

Villares rematou convidando a todo o mundo a acudir a Cervo nunha fin de semana na que “poderán gozar, de xeito gratuito, dun evento deportivo que contará coas mellores promesas da natación galega, ao tempo que poderán coñecer os atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos de todo o Concello”.
Pola provincia de Lugo, competirán 59 nadadores, do CN Xove, Club Fluvial de Lugo, CN Monforte de Lemos e CN Portamiñá Lugo.

A competición terá lugar en tres xornadas, en sesión de mañá e tarde, agás o venres, cunha sesión só de tarde.

As categorías son: Júnior masculino e feminino, Infantil masculino e feminino; e nadadores con discapacidade funcional e/ou visual das anteriores categorías.

A participación está aberta a todos os nadadores que acrediten ter realizadas as marcas mínimas asignadas. Para os deportistas con discapacidade funcional e/ou visual haberá unha soa marca mínima.
Cada nadador poderá participar como máximo en catro probas individuais en todo o Campionato e nas remudas.

Exit mobile version