Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo vén de renovar e incrementar o equipamento da escola infantil

Cervo, 20 de febreiro de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, vén de renovar e incrementar o equipamento da Escola Infantil de San Ciprián.

Deste xeito, cambiouse boa parte do mobiliario do centro. En concreto, mercáronse unha vintena de cadeiras e varias hamacas para os máis pequenos, así como unha mesa auxiliar grande.

Reformouse así mesmo a cociña, na que se instalaron varias estanterías modulares novas para almacenamento, colocáronse estores, para separar estancias e garantir o descanso e a tranquilidade dos pequenos, e instalouse un espello infantil, un elemento que forma parte do currículo educativo.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil delegada de Educación, Dolores García, compartiron unha mañá cos usuarios do centro e as educadoras, e puideron ver o resultado das melloras acometidas e comprobar, en primeira persoa, o bo funcionamento deste servizo público, que a día de hoxe conta con 39 usuarios, pequenos de entre 0 e 3 anos, e un cadro de persoal formado por 5 mestres en educación infantil e 2 técnicos nesta manteria; ademais de 3 becarios, froito dun convenio entre o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela, que, ao tempo que reciben formación práctica, contribúen a reforzar o servizo municipal.

Villares sinalou que “é unha prioridade deste equipo de Goberno a prestación de servizos públicos coa maior calidade posible, e, con este novo investimento na Escola Infantil de San Ciprián o que pretendemos é precisamente dotar, tanto aos usuarios como ao persoal do centro, dunhas instalacións que estean na mellor das condicións, para que poidan desenvolver o seu traballo con garatías, o que redunda no benestar de cada un dos pequenos matriculados, e das súas familias”.
Nos dous últimos anos o Concello de Cervo, investiu na Escola Infatil máis de 160.000 euros.

Exit mobile version