O alcalde anunciou que “quedaron rematadas as obras dos accesos a Vilaxoane, particularmente a creación dunha nova pasarela metálica que atravesa a ponte do río Centiño en Vilaxoane, e tamén o adecentamento das beirarrúas dende o cruce que vai a San Martiño ata a ponte”.
O rexedor focense subliñou que “son unhas datas sinaladas porque estamos no fin de semana no que o barrio de Vilaxoane celebra o San Blas, o seu patrón, e creo que é unha obra importante e necesaria que ademais se pediu en numerosos plenos da corporación municipal, especialmente por parte do BNG e Foz Plataforma de Futuro. Atendendo as peticións dos grupos da oposición, na liña que leva o goberno nesta lexislatura, conseguimos facer esta obra”.
Para Javier Castiñeira “esta obra é importante, non polo importe nin pola envergadura, senón polo servizo que vai dar; e proba disto é que o sitio onde está a carpa para celebrar as festas do San Blas vai ser moito máis accesible, moito máis seguro, mediante estas beirarrúas e esta pasarela”.
O alcalde salientou que “é un compromiso máis cumprido cos veciños de Vilaxoane, tamén coa corporación, e polo tanto estamos contentos de poder estrear esta pequena obra de accesos ao barrio de Vilaxoane coincidindo coa súas festas”.
Pola súa banda o concelleiro de Obras, Pedro Fernández Manín, engadiu que “estas obras incluíron a limpeza do río na zona da ponte que atravesa o acceso á estrada nacional en Vilaxoane. A verdade é que nesa zona o río estaba bastante sucio, con moita maleza; e dende logo que agora, no inverno, veulle moi ben esa limpeza na zona da ponte, que quedou incluída dentro das obras”.
Finalmente Pedro Fernández Manín dixo que “en conxunto dáselle unha voltiña importante ás peticións que tiña a asociación de veciños de Vilaxoane, coa que sempre estamos en contacto, e era unha das obras que realmente facían sempre nas súas peticións”.
O alcalde e o concelleiro de Obras aproveitaron para felicitar aos veciños de Vilaxoane por estas melloras e polas súas festas do San Blas, que celebran este fin de semana.