Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo organiza en marzo un curso intensivo de autodefensa feminista e un taller de novas masculinidades

Ribadeo, 24 de febreiro de 2017. A Concellaría de Igualdade organiza en marzo un curso intensivo de autodefensa feminista e un taller de novas masculinidades, entre outras actividades, coa clara reivindicación de que “o 8 de marzo debera ser todos os días”.

Desde a Concellaría de Igualdade e o CIM sinalan que “estamos nun momento no que a desigualdade entre mulleres e homes na súa cara máis grave está a manifestarse brutalmente. Levamos 5 mulleres asasinadas en 4 días, 23 nos 54 días que levamos de ano. E ademais dos feminicidios está a brecha salarial, as mulleres cobramos o 27% menos que os homes, a invisibilización dos coidados, o acoso, e as agresións sexuais”.

E engaden que “desde a Concellaría de Igualdade afrontamos este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres como unha data para lembrar a todas as mulleres que loitaron polo dereito á educación, ao voto, ao traballo remunerado… por mellorar as condicións das mulleres, pero á vez denunciando que está a darse un retroceso nas conquistas acadadas. Tamén aproveitamos esta efeméride para recordarlle á cidadanía e aos poderes públicos que a igualdade debe practicarse todos os días do ano, en todas as actividades e recunchos e non só o 8 de marzo”.
O mes de marzo dará comezo cuns talleres dirixidos ao alumnado do IES de Ribadeo e do Colexio Sagrado Corazón. Para as nenas se lles ofertará un curso intensivo de autodefensa feminista. “A finalidade deste curso é saber responder calquera ataque e/ou agresión física como recoñecer os indicadores de pre-violencia para poder atallala, ton de voz, a negación da propia identidade a eliminar o noso nome (utilizando o pronome tu, nena, rubia, morena, etc), postura, espazo vital, comunicación non verbal agresiva ou invasiva. Traballaranse tanto técnicas físicas como elementos emocionais, psicolóxicos, relacionais… E para os mozos un taller de novas masculinidades. Os cambios nos roles de mulleres e homes e a afán de atopar novas formas e modelos de desenvolvemento persoal e social, fai que se teñan que levar a cabo procesos de reflexións persoais e de grupo. O falar de novas masculinidades conleva explorar o que significa ser home na sociedade global de hoxe en día, como está relacionada co noso modo de vida e que implica”.

O curso de autodefensa feminista desenvolverase o venres, 3 de marzo, no Colexio Sagrado Corazón de Xesús pola mañá e no IES de Ribadeo pola tarde. E o sábado, 4 de marzo, farase unha xornada aberta e destinada ao público en xeral desde as 10 da mañá ata a unha do mediodía no ximnasio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. Hai prazas limitadas, polo que é preciso anotarse enviando un e-mail ao correo cim@ribadeo.org ou ben chamando ao 982 120 739.

O 7 de marzo o alumnado do ciclo de educación infantil do CIFP Porta da Auga desprazarase ata o colexio público Gregorio Sanz e ao colexio Sagrado Corazón de Xesús para traballar un conto co alumnado de infantil que versará sobre a igualdade. Esta actividade levase facendo varios anos en colaboración co CIFP Porta da Auga. Este ano o conto elixido é Rosa Caramelo, de Adela Turín e Nela Bosnia da Editorial Kalandraka (ed. 2008).

E en abril terán lugar as X Xornadas de Violencia de Xénero.

Exit mobile version