Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo segue a repartir as caixas de benvida ao proxecto Apego, co que pretende difundir o uso do galego a través das familias

Ribadeo, 21 de febreiro de 2017. As Concellarías de Educación e Cultura continúan levando adiante o programa Apego, que pretende a difusión do galego entre os máis novos e a través das familias. Faino repartindo as caixas de benvida ao proxecto.

A concelleira de Educación, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “pasados doce días desde a presentación do programa Apego, xa se repartiron seis caixas e informouse ás familias que pasaron polo Servizo de Normalización Lingüística”.

Lastra manifestou que “hai folletos informando deste proxecto que busca a transmisión do galego á infancia en varios lugares, entre eles salientamos o servizo de empadroamento do Concello de Ribadeo, o xulgado, a escola infantil, a matrona e pediatría no Centro de Saúde, Educando en Familia, etc… Así mesmo interesáronse polo proxecto como futuros colaboradores, unha asociación cultural e unha ludoteca, que está para abrirse”.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, salientou que “familias embarazadas ou con bebés de poucos meses e cun interese por transmitir o idioma galego aos seus pequenos e pequenas, están recollendo este agasallo co que se pretende concienciar ás persoas adultas que conviven coa infancia da enorme riqueza cultural que teñen nas súas mans ao ter un idioma propio”.

O edil de Cultura declarou que “os pais e nais cando recollen a caixa responden a un cuestionario sobre os seus usos lingüísticos e se así o desexan, pasan a formar parte de Apego. O programa é fundamentalmente unha guía de recursos e actividades das que se informa e que ten como vínculo fundamental o uso do galego”.

O Servizo de Normalización Lingüística, onde pódense recoller as caixas de benvida, está situado no número 12 da rúa Viejo Pancho e abre as súas portas pola mañá en horario normal de oficina.

Exit mobile version