Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro convoca subvencións para a rexeneración e renovación urbana na Área de Rehabilitación do Casco Histórico

Viveiro 21 de febreiro de 2017, o Concello de Viveiro publica no BOP de Lugo a “Convocatoria de subvencións para a rexeneración e renovación urbana na Área de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro” en cumprimento do Real Decreto 637/2016, do 9 de decembro, polo que se prorroga o Plan Estatal de Vivenda 2013-2016, regulado polo Real Decreto 233/2013, do 5 de abril. En base a este documento, as persoas interesadas en executar traballos de conservación e intervención en edificios de vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns co fin de adecualas á normativa vixente e que estén ubicadas dentro do Casco Antigo, poderán solicitar as subvencións durante un mes a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. As bases que rexirán a citada convocatoria serán as publicadas no BOP de Lugo de data 24 de decembro de 2015. A documentación que será necesaria para solicitar as subvencións é:

A.- Documentación acreditativa de identificación do solicitante e titularidade da edificación.

a) Se o promotor/a é unha persoa física ou xurídica;

1/ Fotocopia do documento identificador da persoa que asine a solicitude ou Documento acreditativo da constitución da sociedade .

2/ Fotocopia do documento que acredite a titularidade do edificio por parte do promotor da actuación.

B) Se o promotor/a é unha comunidade de propietarios constituída, presentará ademais:

1/ Documento acreditativo da constitución da comunidade.

2/ Documento acreditativo da representación coa que se actúe.

3/ Acta ou certificado da comunidade de propietarios onde se aprobe a execución das actuacións e a solicitude da subvención ou certificado da persoa titular da secretaría da comunidade referente aos ditos aspectos.

4/ Relación de todas as persoas integrantes da comunidade, co NIF de cada unha, referencia catastral de cada vivenda e local.

B.- Declaración responsable das persoas beneficiarias das subvencións, onde conste:

– Que non se atopan incursos nas prohibicións para a obtención da condición de beneficiaria sinaladas nos apartados 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta documentación terá que ser presentada de novo, previamente ao pago da axuda.

– Das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actuación así como o importe da axuda solicitada ou obtida, así como a Administración, organismo ou entidade pública que concede a subvención.

C.- Certificados.

– Certificacións de cada persoa propietaria de estar ao día coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e a Administración Local.

D.- Documentación referente ás obras e do edificio:

a) Informe de avaliación do edificio segundo o establecido na Disposición Transitoria Primeira, 1.b) da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana e no artigo 21 do Real Decreto 233/2013.

b) Proxecto ou memoria técnica na cal expresen as obras que se van executar, a súa valoración, clasificándoas en capítulos segundo o disposto no artigo 26 do Real Decreto 233/2013. O proxecto ou memoria técnica deberá conter os datos fundamentais do edificio: situación, número de vivendas e locais, superficie construída sobre a rasante, superficie sobre a rasante con uso residencial e unha reportaxe fotográfica das obras que se van realizar.

c) Licenza e autorizacións para a execución das obras.

d) Cando o importe do orzamento protexible das obras exceda de 50.000 euros deberán presentarse como mínimo tres orzamentos, de data anterior á contratación das obras, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude. No caso de que non se optase pola oferta económica máis vantaxosa, deberá xustificarse razoadamente, por escrito, a elección realizada.

e) Ós efectos de poder puntuar a Fixación de poboación na Área de Rehabilitación, o solicitante deberá presentar xustificante de que a edificación na que se pretende actuar é a súa vivenda habitual, está destinada ó alugueiro ou ben, no suposto de vivenda baleira neste momento, declaración responsable de que a que fin vai ser destinada.

f) Ós efectos de poder puntuar a Condición social das presentes bases, o solicitante deberá presentar certificado de empradroamento e copia das declaracións do IRPF da unidade familiar, correspondente ó exercizo 2015, ou no seu caso certificación negativa da Axencia Tributaria.

Toda a documentación deberá presentarse en orixinal ou copia cotexada.

De todas as solicitudes presentadas por escrito, e que cumpran os requisitos establecidos nas bases aprobadas, procederase á valoración e posterior proposta de cualificación provisional daquelas actuacións con maior puntuación, ata esgotar o orzamento destinado para tal fin, que ascende a cantidade de 73.329,12 €.

Para mais información poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro ubicado na rúa Diaz Freijo nº 3 ou ben vía telefónica no número 982 562968.

A Alcaldesa
Maria Loureiro García

Exit mobile version