Site icon Crónica3.com A Mariña

O Consello da Xunta acorda cederlle ao Concello de Mondoñedo un inmoble que albergará un centro de divulgación da arquitectura local e de fomento da rehabilitación

Compostela 23-2-17. O Consello da Xunta acordou este xoves a cesión ao Concello de Mondoñedo dun inmoble para a súa recuperación, co obxectivo de que acolla un centro de divulgación da arquitectura mindoniense e dos programas de axudas en materia de rehabilitación de vivendas na vila. Trátase dun inmoble propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo situado na rúa Matadoiro, 1, que non reúne as condicións para ser destinado a vivenda.

O inmoble será destinado polo Concello de Mondoñedo á realización das actividades relacionadas coa conservación do patrimonio cultural e da difusión dos valores da arquitectura mindoniense. Neste espazo tamén se promoverán actuacións de rehabilitación de vivendas, a mellora da calidade das edificacións e a realización de accións de formación de técnicos e axentes que interveñen neste sector.

Ademais, a Xunta cofinanciará a rehabilitación do inmoble a través dunha subvención a fondo perdido, concedida ao concello de Mondoñedo, por importe de 42.000 euros. Pola súa parte, o Concello comprometerase a executar as obras de rehabilitación do inmoble que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento das actividades referidas no prazo máximo dun ano.

O Goberno galego, no marco do impulso á rehabilitación, porá en marcha o Programa Rexurbe en Mondoñedo co fin de levar a cabo obras de recuperación do núcleo histórico, onde está prevista a rehabilitación de dúas vivendas no barrio dos Muíños, situadas na praza dos Muíños de Arriba, números 26 e 28. Os proxectos xa están aprobados tecnicamente e prevese licitar a actuación no primeiro trimestre deste ano 2017, cun investimento próximo aos 500.000 euros.

A Xunta, a través do Programa Rexurbe, promoverá a recuperación dos cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas mediante a adquisición e rehabilitación de edificios degradados, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento económico e social nestes núcleos.

Exit mobile version