Site icon Crónica3.com A Mariña

O defensor do pobo resposta á Asoc. Por nuestro faro

Ribadeo 22-2-17. O pasado 16 de febreiro o colectivo “Por Nuestro Faro” recibiu a resposta do Defensor del Pueblo á queixa presentada hai sete meses. Subliñar que a Valedora do Pobo Galego inhibiuse da cuestión en favor do Defensor del Pueblo. O texto íntegro do informe recibido do Defensor está colgado na rede en varios lugares, como o noso muro en facebook ou o blog Ribadeando.

Basicamente o informe do Defensor tumba rotundamente todo o expediente tramitado pola D.X. de Puertos del Estado, os informes da Xunta de Galicia e a concesión da licenza para a obra do Hotel de dúas suites (agora apartamentos) polo Concello de Ribadeo. Comeza analizando a lexislación aplicada e subliña que non é correcta. Despois destaca que faltan informes esixidos pola lexislación europea, española e galega, e remata suxerindo que se paren as obras mentres non se emitan os documentos que o noso colectivo ven reclamando dende hai moitos meses. Nada novo, porque xa anunciamos con tempo que estábamos ben asesorados.

Un aspecto que compromete especificamente ao Concello de Ribadeo é o desdobramento do expediente separando o proxecto dunha cafetería do proxecto do hotel. Xa denunciamos no seu día (xaneiro de 2016) que iso era unha aberración dende o punto de vista do procedemento e que non ía levar a ningunha parte. Á vista están os resultados.

O noso grupo, como primeira medida, informou ao Concello e pasoulle o documento do Defensor. Ademais propúxolle unha serie de medidas urxentes que tamén están colgadas nas páxinas devanditas. O substancial da nosa proposta é que o concello concedeu a licenza cun método incorrecto, ou sexa ilegal, e que debe retrotraer as actuacións ao intre no que se cometeu ese erro, suspendendo a licenza e estudando de novo os pasos a dar para recuperar a legalidade infrinxida.

Ata o de agora o Sr. Alcalde declarou nos medios que vai agardar a ver o que di a Xunta, sen recoñecer o erro flagrante da súa xestión denunciado polo defensor. Seguiremos agardando que rectifique mentres iniciamos varios contactos a nivel xurídico. As primeiras impresións suxiren que o proxecto de privatizar a Illa Pancha ten os días contados. Insistimos ao Sr. Alcalde que mire ben por onde pisa: nós imos de cara, outros mesmo lle están segando a herba debaixo dos pes.

Para rematar, están no aire outros puntos, dous deles tan decisivos como os anteriores. Falta un informe conforme a dereito sobre a viabilidade económica que esixe o artigo 84 da lei de portos e a concesión directa, sen concurso público, tamén será motivo para suspender todo o expediente. Aforramos mais comentarios, con isto é dabondo para quen o queira coller. Como sempre, estamos abertos ao diálogo e a facilitar unha saída pero a meta é suspender definitivamente ese proxecto demencial. Cada un na súa casa que faga o que queira, pero no terreo público hai que mirar polo de todos.

Exit mobile version