É a época na que a política que trunfa é a do discurso baleiro, a do poder do simbólico, a da forza da imaxe e a do impacto da metáfora. Son días nos que hai “partidos instrumentais”, cando todos eles o son por definición (non son todos ferramentas para alcanzar obxectivos?); ou de procesos de unidade popular, como se houbera forzas políticas que non supoñen a suma de xente do pobo; tempos nos que pretende superar as etiquetas da esquerda e da dereita como se esta fose a primeira fin das ideoloxías.
A realidade é que todo isto da nova política xa o vivimos antes. Si. Xa na década dos oitenta había novos movementos sociais e Offe deixou moito escrito de todos deles. Xa Europa viviu como eses movementos sociais se convertían en forzas políticas. E tamén o vello continente ficou decepcionado pola distancia entre o que se insinúa que se vai facer. É unha volta aos 80: por un lado, Trump e May, a modo dun mal actor convertido en presidente e a segunda edición da dama de ferro; e por outro, a pureza da esquerda que vén ao rescate da maioría social, concepto xa acuñado naquelas datas, vítimas dunha crise, xa ensaiada con demasiada frecuencia.
Dicía que son tempos da política feita metáfora. A tal punto de que non se acepte, baixo ningún concepto, que algunha actuación puntual pode ser obxecto de crítica, contribuíndo con isto ao retorno tamén da figura do amado líder. Chégase ao extremo de que se examine ao autor dunha crítica construtiva como o colaborador necesario que o inimigo precisa. Con todo, non menos certo é que tamén son tempos da crítica ridícula, inzada e grotesca, que logo resta credibilidade á que se fai con máis ou menos tino.
Dicía Joyce que as nosas accións son os mellores intérpretes dos nosos pensamentos. Xa que logo, observemos as accións para examinar o contido real do que se fai e do que se deixa de facer de quen afirmou a súa vontade de chegar para mudalo todo.
Ben sei que unha cidade, un país e mesmo o mundo universo non se cambia nun instante. E que todo debe ser gradual (os socialdemócratas levamos esta aprendizaxe no noso ADN). E máis aínda que son mudanzas que afectan aos alicerces mesmos dunha sociedade. E sobre todo, se afectan ás capas sociais máis desfavorecidas dunha comunidade.
Así, por exemplo, para evitar que existan os desafiuzamentos fai falla todo un proceso lexislativo que debe nacer do Congreso dos Deputados. Entón, pódese chegar ao poder municipal coa promesa de que non vai haber máis lanzamentos no Concello que se gobernar? Que resultaría máis preocupante: prometer algo que non sabes que non podes cumprir ou prometer algo que sabes que vas incumprir?
Eu comparto que a política actual ou é política social ou non é. Pero nada contribúe máis a desarmar esta premisa que dicir que vas facer política social, que este é un eixo que vertebra o teu programa, para logo vender fume. Quen fai causa dunha renda de inserción para axudar a esa persoas que non son cubertas ou desatendidas pola RISGA, non é posible que tarden un ano en redactar unha ordenanza municipal. E que aínda por riba, deixe fóra á xente como a inmigración irregular. Ou que se acompañe esta medida estrela dunha proposta orzamentaria inicial de 3 millóns de euros; que despois se reduza a 2,1 millóns; e que despois fique simplemente no 10% da contía prevista en principio (isto é, que se dispoña de 300.000 euros).
Que conexión hai entre o que se di e o que se fai cando un goberno municipal fai da erradicación do chabolismo unha temática recorrente, para posteriormente só executar 2.300 euros dos pírricos 70.000 destinados a este obxectivo? De que vale incrementar o que se vai gastar en servizos sociais se máis adiante non se materializa ese gasto, até o punto de deixar de gastar 6,5 millóns de euros?
Hai quen podería argumentar que a non execución de gasto non é unicamente causa de quen goberna. Pode ser, pero iso tamén é xestión e capacidade de acordo cando non se ten maioría. Hai quen poderá dicir que ao non executar gasto estase a minimizar a débeda alén dos imperativos legais de Montoro. Coidado con ese argumento, porque a nova política acusaba á vella de andar preocupados de aforrar ou de pagar débeda cando a sociedade tiña necesidades básicas sen cubrir.
Houbo quen soubo, e con moito acerto, alentar a esperanza da xente. Pode que a xente remate por non facerlle caso aos medios de comunicación que fan da crítica unha consecuencia dunha triste vendetta. Pero, contrariamente ao que dixo un deputado galego en Madrid, eu coido que a xente non é parva. Pode que perdoen moitas cousas. Pero non creo que desculpen que asasinen a súa esperanza.
O propio escritor irlandés deixou escrito no seu “Ulises” aquilo de que a xente pode soportar que lle morda un lobo, pero leva mal que lle trabe unha ovella. E isto leva camiño de ser unha mala trabada.
Xoán Bascuas.