Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular de Lourenzá felicítase porque a labor da oposición sirva para que a alcaldesa “reaccione” e se comprometa a celebrar unha xornada informativa sobre a praga da pataca

Lourenzá, 14 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá felicítase tras as declaracións da alcaldesa do municipio, Rocío López, nas que se compromete a celebrar unha xornada informativa sobre a praga da pataca. Os populares consideran “moi positivo que, polo menos, a labor da posición faga reaccionar a alcaldesa para informar de primeira man aos veciños dos efectos deste insecto nas colleitas, das medidas postas en marcha para frear a súa expansión e das distintas axudas e normativas que son de aplicación”.

A voceira dos populares, Emma Álvarez, considera que “é de sabios rectificar” polo agradecen que a alcaldesa socialista “se dese de conta da súa actitude de pasotismo” e se comprometese a pensar nos intereses dos produtores de pataca xa que “coa súa desidia estaba a privar aos veciños das xornadas informativas que técnicos da Xunta de Galicia celebrarán nos municipios afectados pola praga da pataca”.

De todos xeitos, Emma Álvarez aclara que a rexedora socialista non solicitou “polo momento, sumarse ás charlas informativas que ofreceu a Consellería do Medio Rural e a Delegación da Xunta en Lugo”, polo que lle “esixe que non deixe pasar un minuto máis” e que sexa quen de poñerse en contacto coa Delegación da Xunta e solicitar a celebración dunha xornada informativa en Lourenzá.

Dada esta situación, dende o Grupo Municipal do Partido Popular esíxenlle a Rocío López que cumpra co seu compromiso e que a súa “rectificación se faga efectiva xa, pensando no interese dos produtores deste tubérculo, a maioría deles veciños que plantan para o autoconsumo” e rectificando, engaden “por unha vez, a súa actitude de desprezo polos asuntos que son de interese da veciñanza”.

Exit mobile version