Site icon Crónica3.com A Mariña

O Imaxiña 2016, a exame por David Catá e Héctor Manasé

Mércores 15 de febreiro. O Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2016 está a punto de coñecer a identidade do seu gañador. Como xuíces da beleza e singularidade das propostas da Mariña volven o artista multidisciplinario viveirense David Catá e o fotógrafo burelao Héctor Manasé, xunto ao presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna; o tribunal reunirase esta semana para decidir a fotografía e/ou vídeo máis destacados do certame.

O concurso da sexta edición da cita, organizada por Imdecum co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, estivo aberto aos centros que xa participaron en anos anteriores: Monte Castelo e Perdouro (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro), Dionisio Gamallo (Ribadeo), María Sarmiento (Viveiro), Illa de Sarón (Xove), Alfoz-O Valadouro e Foz.

Historia do festival

En 2011, o festival Imaxiña deu os seus primeiros pasos descubrindo o mundo do audiovisual no IES Monte Castelo, a través dun obradoiro creativo de vídeo ‘Fotografía en Movemento’, coa participación do pintor xovense Xoán Guerreiro, a comunicadora cervense Sabela Blanco e o profesor de Debuxo e Artes do Monte Castelo Pedro Cabarcos, ademais dunha charla sobre fotografía da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada. Na segunda edición, a iniciativa, coa colaboración fotógrafo focego Xulio Villarino, estendeuse aos IES Marqués de Sargadelos, Vilar Ponte e Dionisio Gamallo Fierros, cunha excelente resposta no concurso, con fermosas e orixinais visións da Mariña. En 2013, incorporáronse o María Sarmiento e o Illa de Sarón, nunha edición apadriñada polo polifacético artista viveirense David Catá. En 2014, os fotógrafos Marián G. Mesa e Héctor Manasé compartiron a súa percepción artística co IES Alfoz-O Valadouro, cunha gran resposta por parte do seu alumnado. O ano pasado colaboraron o artista burelao Davixiño e o realizador audiovisual focego Manuel Gil, con obradoiros no IES de Foz e Perdouro de Burela.

Exit mobile version