Site icon Crónica3.com A Mariña

Os delitos contra o patrimonio reducíronse á metade durante o pasado ano en Burela

burela1Lugo, 14 de febreiro de 2017- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, copresidiron esta mañá a reunión da xunta local de seguridade, na que se constatou o descenso da delincuencia rexistrada ao longo do ano pasado no municipio, destacando especialmente a baixada dos delitos contra o patrimonio, que se reduciron á metade con respecto á anualidade anterior.

Baixan tamén, atendendo ás estatísticas oficiais da Garda Civil, os delitos contra as persoas e contra a liberdade, entendendo como tales as ameazas ou as coaccións, por exemplo. Mantéñense en idénticos niveis do ano anterior os delitos contra a seguridade colectiva (tales como os delitos contra a saúde pública ou contra a seguridade vial), se ben a súa incidencia é prácticamente nula, con 5 denuncias deste tipo en todo o ano, tanto en 2015 como en 2016.

Dos datos analizados esta mañá despréndese tamén o aumento no esclarecemento dos delitos que se rexistraron en Burela, así como no número de detencións practicadas durante o ano. De feito, os axentes da Garda Civil detiveron nese período a 48 persoas e esclarecéronse máis do 60% dos feitos delictivos denunciados.

APOSTA POLO TRABALLO CONXUNTO

A xunta local de seguridade comprometeuse a que todos os corpos policiais con presenza no municipio seguirán a traballar como ata agora, de xeito conxunto e coordinado, para manter e mesmo mellorar a tendencia á baixa que se apreza na delincuencia no municipio mariñano. No primeiro mes deste ano, como adiantaron tamén, denunciáronse a metade de infraccións penais que no mesmo período do ano pasado.

PLAN PARA MELLORAR A SEGURIDADE ESCOLAR

Ramón Carballo aproveitou a xuntanza para informar do traballo realizado nos centros de ensino de Burela ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar. Lembrou que este plan, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade, busca reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesorado sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos.

No primeiro trimestre do actual curso académico, membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado impartiron seis charlas en centros educativos de Burela, nas que abordaron os riscos en internet, o acoso escolar e os perigos do alcohol e as drogas. Precisamente as dúas primeiras temáticas (riscos de internet e acoso escolar) son as que están a rexistrar unha maior demanda por parte dos centros galegos no que vai de curso.

No presente ano lectivo, beneficiáronse do Plan director un total de 2.574 persoas de 94 centros educativos de toda a provincia.

MINUTO DE SILENCIO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Xunto ao subdelegado do Goberno e mailo alcalde, no encontro desta mañá participaron representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local. Antes de comezar a reunión da xunta local, todos sumáronse ao minuto de silencio convocado polo Concello de Burela como mostra de repulsa e condena ante a violencia de xénero.

Exit mobile version