Site icon Crónica3.com A Mariña

Os lucenses son dende hoxe donos de 36 pezas da colección de Álvaro Gil, que posuirán na súa totalidade no 2018

DSC_0251Lugo 22-2-17. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron este mércores no Museo Provincial a adquisición por parte do Executivo provincial dun novo lote de 15 pezas da colección de ourivaría castrexa do filántropo lucense. En virtude deste contrato, o Executivo provincial achegará este ano un pagamento de 583.000 euros, que lle permitirá adquirir o cuarto lote do tesouro, de xeito que só restará o pagamento do ano 2018 para completar a adquisición completa da colección.

Campos Conde sinalou que “hoxe asinamos a adquisición do cuarto lote da colección de ourivaría castrexa de Álvaro Gil, por valor de 583.000 euros, que corresponden coa anualidade prevista neste 2017. Con isto, conseguimos que outras 15 pezas deste tesouro, catalogado como Ben de Interese Cultural, por fin sexa de todos os lucenses. Os veciños desta provincia son donos absolutos dun total de 36 pezas desta ilustre colección, que custodia o seu Museo Provincial para o desfrute, gratuíto e sen restricións, de todos”.

“Hoxe asinamos tamén o depósito de preto de 23.400 euros para a compra do quinto e último lote deste tesouro. Deste xeito, garantimos que, no 2018, a colección completa de Álvaro Gil, é dicir, as súas 40 valiosas pezas, sexan, única e exclusivamente, dos veciños desta provincia. É unha satisfacción, e creo que é de xustiza, que este Museo, o de todos os veciños desta provincia, acolla a única colección dos fondos museográficos de Lugo que posúe, de xeito independente, o recoñecemento de Ben de Interese Cutural”.

 Lotes de pezas

A colección de ourivaría antiga Álvaro Gil, que actualmente se exhibe na sala 8 do Museo Provincial, está formada por 40 pezas da época castrexa, entre as que se atopan torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de diversos Concellos lucenses, así como doutros lugares de Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado, peza de valiosa execución artística e de incerta procedencia xeográfica. O tesouro goza da consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección patrimonial segundo a lexislación autonómica vixente.

O Goberno da Deputación alcanzou no ano 2014 un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil Varela para adquirir a colección completa de ourivaría antiga, en cinco lotes anuais, por un importe de 2,3 millóns de euros.

 

 

 

 

 

 

Pezas adquiridas

As 15 pezas do lote 4 que se adquiriron coa sinatura deste contrato son as seguintes: fragmento de torques de Valiña, dúas pezas compostas por fragmentos de torques con remate piriforme, torques de Cu do Castro, torques do Castro de Viladonga, fragmento de torques de Centroña, contas de colar de Chaos do Barbanza, brazal e pulseira de Urdiñeira, brazais de Muimenta, barriña de ouro, pulseira da Terra de Melide, pulseira de Ourense, torques de Riotorto e pulseira-torques.

O contrato asinado este mércores cos herdeiros de Álvaro Gil tamén inclúe o aboamento de 23.364 euros polo depósito no Museo Provincial do lote 5 da colección, cuxa compra se formalizará o ano que vén. Este lote 5 componse das seguintes pezas: Torque de Burela, Onza de Fernando VI, láminas áureas de Valiña e barriña de ouro.

 

 

Exit mobile version