Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan ao PP “de traizoar a provincia de Lugo coa parálise da Alta Velocidade”

Lugo, 22 de febreiro de 2017.- O senador Ricardo Varela remarcou este mércores a súa extrema preocupación sobre a chegada da Alta Velocidade á provincia de Lugo. Varela fixo esta afirmación, tras escoitar onte ao Ministro de Fomento no Senado, quen reafirmou que o AVE chegara á nosa Comunidade no ano 2019, pero sen concretar prazos nin datas de execución. Varela denunciou que o Plan oculto do Ministerio é cronstruir unha lanzadeira que conecte Lugo-Ourense, na liña actual convencional, deixando Lugo fóra da Alta Velocidade.

O senador lucense advertiu que non existe ningún tipo de xestión sobre a chegada da Alta Velocidade a Lugo, e reiterou as súas denuncias, nas que remarcou que a provincia de Lugo está fora do mapa da Alta Velocidade do Ministerio de Fomento. Lembrou que os pasos de estudo previo, proxecto construtivo, licitación de obra e adxudicación da mesma, están todos sen facer no tramo Lugo-Ourense. E sinalou que aínda que comezaran mañá mesmo os proxectos, non baixarían de 7 ou 8 anos, condenando no mellor dos casos a chegada do AVE a Lugo para o ano 2025.

A maiores lembrou que o Ministerio de Fomento suspendeu no ano 2012 o proxecto para a construción da Estación Intermodal en Lugo. Dixo que o PP cando chegou ao goberno de España meteu nun caixón o protocolo da estación intermodal a Lugo, asinado conxuntamente polo Concello, Xunta e polo Goberno de España, así como o Pacto do Obradoiro, un documento que comprometía prazos e recursos para o AVE a Lugo.

Varela Sánchez dixo que o Ministerio “trata aos lucenses de estúpidos pensando que en 2 anos pódese executar todo o que estaba previsto para executar dende o ano 2011 ata o 2019, máxime cando o Ministerio non deu un só paso para a chegada do AVE á provincia”. Advertiu que “con esta actuación o PP incumpre todos os compromisos asinados, e dálle ás costas aos lucenses, condenando a nosa provincia a quedar sen a liña de Alta Velocidade”, por iso cualificou esta actuación como “unha traizón aos lucenses”.

Por último o senador lucense esixiulle ao Ministerio de Fomento a que a provincia de Lugo apareza no mapa da alta velocidade de España. “A provincia de Lugo non pode perder ningún tren mais, necesitamos que o AVE chegue a esta provincia xa”, resumiu.

Exit mobile version