Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas critican a situación “problemática e de inquedanza que viven os veciños da Mariña sobre a xestión da praga da pataca”

O Valadouro (Lugo), 23 de febreiro de 2017.- O Voceiro de Medio Rural no Parlamento de Galicia, Jose Antonio Quiroga, acompañado da Deputada Provincial e Alcaldesa de Trabada, Mayra García, e os Alcaldes do Valadouro, Edmundo Maseda e de Alfoz, Jorge Val, visitaron este xoves a Escola de Horticultura do Valadouro, onde este ano non poderán ensaiar o cultivo da pataca habanera, unha variedade propia da vila. Alí, os socialistas, criticaron a mala xestión da Xunta na praga da couza guatemalteca que afecta a moitos concellos da Mariña de Lugo.

O Voceiro de Medio Rural remarcou que os agricultores están vivindo unha situación “problemática e de inquedanza, debido a falla de información e de decisións”, por parte do Goberno de Feijoo. Quiroga criticou o Plan de prevención que a Xunta de Galicia puxo en marcha no 2016 para deter esta praga, “a proba mais evidente deste fracaso é que pasamos de 3 a 31 concellos afectados, este é o contundente dato que constata que as cousas non se fixeron ben por parte do Goberno de Feijoo”, insistiu.

Jose Antonio Quiroga advirte que “senón se toman as decisións axeitadas esta praga pode ir a mais”. Emprazou á Consellería de Medio Rural a que estableza un Plan informativo e de sensibilización sobre a praga, e as medidas efectivas para o seu control, xunto cun plan de indemnizacións ós agricultores afectados”. Advertiu que é necesario un Plan de investigación científica con recursos económicos para atopar medidas axeitadas para erradicar e controlar esta praga.

Aludiu tamén á problemática que esta acarreando a moitos veciños e da que viven moitas familias, o lucro cesante. E esixiu extremar as medidas de control en torno ás zonas afectadas.

Iniciativas no Parlamento de Galicia
Por último, Quiroga avanzou as iniciativas que o PSdeG-PSOE xa rexistrou no Parlamento de Galicia para coñecer as medidas que esta executando para controlar a praga da couza guatemalteca. E para pedirlle á Xunta que explique “cales son as medidas e compensacións previstas” para os municipios galegos afectados polo veto ao cultivo da pataca debido á praga da couza.

O Concello do Valadouro non vai facer ningunha prohibición aos agricultores
O alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda afirmou que o Concello non vai facer ningunha prohibición aos agricultores sobre o cultivo da pataca, xa que remarca que é un asunto de sanidade vexetal non de comercio, polo tanto quen ten estas competencias é a Xunta de Galicia.

Exit mobile version