Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG a Xunta impón obrigas a produtores e Concellos mentras segue sen aclarar que vai pasar coa plantación de pataca

IMG_1514A Mariña, 14 de febreiro de 2017. A deputada Olalla Rodil e o deputado Mini Rivas reuníronse na xornada de hoxe con produtoras e produtores da Mariña nun encontro que tivo lugar no restaurante A Voltiña, en Mondoñedo, ao que tamén asistiron a responsábel comarcal, Ana Ermida e cargos institucionais e orgánicos do BNG.

Alí puideron constatar o malestar xerado pola falta de información que está a haber por parte da Xunta con respecto á praga da pataca e valoraron a última resolución publicada no DOG de hoxe como “un intento máis de gañar tempo sen tomar ningunha decisión transcente nin aclarar nada a respecto de como xestionar esta situación”.

A deputada nacionalista afirmou que “é terribel que a Xunta se desentenda ata o punto de impoñer obrigas a almacenistas, produtores e concellos mentras o goberno galego está agardando ao que lle diga o Ministerio desde Madrid.” “Non podemos obviar que as competencias en materia de agricultura son exclusivas da Xunta e deles é a responsabilidade de xestionar e adoptar as medidas pertinentes nesta nova crise do agro galego.”

Na resolución publicada hoxe, a Xunta deriva aos concellos a responsabilidade de controlar a circulación da pataca nos seus mercados locais. “Parece case surrealista que a Xunta non tome ningunha medida por si mesma e pretenda trasladar responsabilidades aos concellos, cando contan con moitos menos medios ca administración galega”, afirman desde o BNG.

“A Madrid non chegou a couza, por iso no Ministerio non teñen ningunha présa por resolver isto, igual que non a teñen para resolver a crise do leite ou calquera outra cuestión que non lles afecte directamente”, manifestou Mini.

Iniciativas no Parlamento galego
Olalla Rodil e Mini Cruz xa teñen rexistradas no Parlamento varias preguntas dirixidas á Xunta sobre as medidas que prevé adoptar e se o goberno galego baralla indemnizar as perdas que teñan produtores que xa teñen comprada a semente, ou mesmo plantadas as patacas de cedo, e almacenistas que xa dispoñen da semente para a venda.

Desde a formación nacionalista manifestaron que “a situación require de medidas claras, previa información e contraste coas persoas afectadas, por iso desde o BNG demandaremos unha actuación urxente e integral da Xunta que garanta efectividade na loita contra a praga, mais tamén seguridade para produtoras e produtores que se atopan unha vez máis con desatención e ameazas de sancións sen ter ningunha información previa.”

Exit mobile version