Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación da revista “Candea Branca” do SEVA

O Valadouro 5-2-17. O vindeiro sábado día 11 de febreiro, ás 17,30 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, terá lugar a presentación do Número 1 da revista “Candea Branca”, a revista que edita o Seminario de Estudos do Valadouro. Trátase dunha publicación cultural e social na que colaboran decenas de persoas, tanto de dentro do SEVA como de fóra del. O deseño do seu encabezamento corre a cargo, como todas as publicacións do SEVA, de Pepe Blanco, deseñador da fábrica de Sargadelos e membro do noso Seminario. Na portada figura o agradecemento á sociedade “Hijos del Valle de Oro en la Habana”, materializado o 9 de setembro de 2014 nunha placa que lle entregou o SEVA á tesoureira da entidade, Pilar Fernández. Tamén, posto que é o Número 1 da revista, aparece unha pequena homenaxe ó noso primeiro Presidente, o filósofo Pedro Rubal. No interior podemos ler dùas importantes entrevistas: unha ó artista alfocense Hipólito Geada e outra ó escritor, actor e dramaturgo cervense Paco Piñeiro. Hai varios artigos de membros do SEVA, como o mesmo Pedro Rubal, o coñecido escritor e actor Manuel Lourenzo e o tamén escritor Isaac Ferreira. Entre os moitos artigos, incluímos traballos de Juan Ramón Fernández Pacios e Andrés García Doural (historiadores), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Manolo Camba (Presidente da Liga Céltiga Galaica e investigador), Arturo Mogo (escritor), Antonio García Lorenzo (economista), Antonio Paz Palmeiro (enxeñeiro do Ministerio do Interior e Pregoeiro do pasado Mercado Medieval de Alfoz), Marifé Sixto (propietaria de Mel “O Trobo” do Valadouro), Suso Fernández (Cronista Oficial de Foz), Ángel Vizoso (xornalista), Beatriz Yáñez (xornalista), Sabela Quirós (estudante de Bioloxía na Universidade de Santiago), José Eduardo Canoura “Chis” (músico) e Luís Miguel Yáñez (Presidente do Grupo Teatral Raiolas de Alfoz). Tamén se inclúen traballes de estudantes dos tres centros educativos do noso Val: o colexio Santa María do Valadouro, o colexio Castro de Ouro de Alfoz e o Instituto Alfoz Valadouro. Igualmente se inclúen catro páxinas con fotos antigas do Valadouro, rememorando o que foi a Vila hai preto de 100 anos.

A revista porase logo á venda en varios establecementos da bisbarra.

Exit mobile version