O rexedor lembrou que “había un compromiso con Adif de facer aquí unha obra en Burela na rúa Celso Emilio Ferreiro, co propósito de gañar seguridade na vía do tren porque pasa adxacente ao aparcadoiro e á rúa que hai alí. Tratábase de evitar que a xente cruce, sempre co medo de que pode pasar un tren e chegar a producirse un accidente”.
Llano explicou que “se fixo unha obra apalabrada con Adif e agora rematouse. Consistiu nun peche a través dun valado tanto por un lado como por outro da vía, para que teña unha seguridade total. Estivémola vendo e parécenos perfecta como quedou, xa está rematada. Ademais da seguridade, queda ben incluso esteticamente”.
Para o alcalde “queda moito mellor de como estaba a vía xunto a rúa, de tal xeito que podía pasar calquera persoa e podía ter un accidente ou mancarse incluso nas propias vías. Ademais para a seguridade do propio tren, co paso da xente había dous ou tres pasos que eran moi empregados e ían arrastrando pedra, que é o soporte que teñen as vías, de tal xeito que nalgún punto quedaba a vía ao aire, o cal significaba que en calquera momento podía haber un problema incluso para o propio tren”.
Alfredo Llano subliñou que “desta maneira gañamos en seguridade, en eficacia e tamén en estética, e polo tanto pensamos que é unha boa obra a que fixo Adif de acordo co Concello de Burela. Co propósito de que non cruce ninguén, agora xa co valado é imposible”.
O alcalde de Burela quixo “animar a toda a persoa que queira cruzar cara o outro lado da vía… se está paseando, ten a ponte moi preto e agora sería incrementar un pouco o paseo, serían 50 metros arriba ou abaixo. A lugar para cruzar agora a vía está moi próximo. Cruzar a vía será posible soterradamente porque hai unha ponte, pásase por debaixo,evitando ese paso por arriba que sempre é un risco tanto para o tren como para as persoas”.