Site icon Crónica3.com A Mariña

SON VIVEIRO proponlle ao Concello asesoramento á veciñanza sobre a devolución das cláusulas solo

Viveiro 12-2-17. A Agrupación presenta unha moción para debater no vindeiro pleno onde propón asesorar ás persoas afectadas a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor.

O portavoz municipal de SON VIVEIRO, Marcos Besada Álvarez, comunicou que o seu Grupo Municipal vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno ordinario na que lle propoñen ao Concello a
posta en marcha dun dispositivo especial de asesoramento a aqueles consumidores e consumidoras que requiran información sobre as devolucións das cláusulas solo a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor.

Besada afirmou que a cláusula solo lle impide aos clientes que a cota da súa hipoteca se reduza cando descende o índice de referencia do seu préstamo hipotecario, xa que aplica un interese mínimo a pagar sempre que o Euribor estea por debaixo do valor que marque a cláusula.

O solo hipotecario non lle afecta ás hipotecas fixas, xa que o interese neste tipo de préstamos hipotecarios non está referenciado a ningún índice, polo que non varía e as cotas sempre son as mesmas.
“É un abuso máis da banca para as persoas usuarias, que desde SON VIVEIRO vimos denunciando, e felicitámonos da última decisión do Tribunal Europeo neste sentido, concedendo a retroactividade total nas cláusulas chan”.
O Concelleiro incide na resolución da sentenza, segundo a cal “a declaración xudicial do carácter abusivo dunha cláusula debe ter como consecuencia o restablecemento da situación na que se atoparía o
consumidor de non ter existido dita cláusula”.

Desde SON VIVEIRO, coincidindo coas asociacións de defensa das consumidoras e dos consumidores, aconséllanlle ás persoas usuarias que, para recuperar o seu diñeiro, antes de dar o paso de acudir aos
tribunais deben dirixirse á entidade bancaria e reclamar as cantidades.

“Pero é moi posible que o banco se negue e que ofreza a firmar un acordo trampa polo que só devolvería unha parte, podándose incorrer nun erro xeral de “máis vale paxaro en man que cento voando”, entrando por tanto noutro abuso por parte dos que teñen máis medios para a negociación”.

É por iso, e nese mesmo sentido, que consideran necesaria a creación de tal dispositivo de información municipal, que garantirá o respecto dos dereitos dos consumidores para que estes estean ben asesorados desde o primeiro minuto.

Por último, Marcos Besada comunica que a moción inclúe un punto dispositivo a maiores, no que se lle propón ao Concello que inste á Deputación Provincial a colaborar cos concellos da provincia para
facilitar os recursos necesarios que permitan que os consistorios poidan levar a cabo esta función de asesoramento.

Exit mobile version