Site icon Crónica3.com A Mariña

Sucedeu en Viveiro

Era un día coma outro calquera, un 8 de outubro de 2009 que non será recordado nos libros de historia, un simple día máis.

Eles tamén eran dúas persoas calquera, identidades anónimas condenadas –ou premiadas- á enterna mediocridade, a formar parte dese conxunto heteroxéneo denominado sociedade.

Como preámbulo non soa especialmente emocionante, mais é unha característica humana o restar valor ó máis próximo, ó noso. Todas as boas historias son sempre aparentemente cotiáns e intranscendentes, porque só así podemos vernos refrictidos no seu espello.

Imos ó grao. Estes dous entre tantos non eran expertos en temática financeira pero tampouco o precisaban, coñecían do valor do diñeiro e da súa necesidade para poder vivir. Ela, a nai, que xa tiña 95 anos, non sabía ler nin escribir pero acudiu acompañada do seu fillo á oficina bancaria de confianza buscando algunha fórmula que lle permitira sacar rendemento dos seus aforros.

Todo aquel que presta un servizo sabe que a base do mesmo é a confianza, e esta foi a que levou á nosa protagonista a inverter 56.000 € dos seus aforros en bonos do Banco Popular. O mesmo exceso levou ó fillo a facer o propio ó día seguinte con 20.000 €.

Sucedeu en Viveiro, era una día como outro calquera e eles eran xente coma outra calquera, poida que aí fique o valor desta mediocre historia.

E a vida seguiu –como seguen as cousas que non teñen moito sentido- , e a señora morreu e o seu fillo herdou. Algo máis de tres anos despois do finamento da señora os bonos mercados por esta e polo seu descendente, por valor de 76.000 €, mudaron en accións e pasaron a ter o valor total de 2.195 € ¿2.195 €?

Logo viñeron a demanda, os avogados, a incertidume, o xulgado e a sentencia final de 17 de febreiro de 2017 que condenaba ó banco á devolución das cantidades que faltaban.

Os feitos probados: a falta de transparencia, dilixencia e información por parte da entidade bancaria que puidera determinar o coñecemento do risco por parte dos consumidores.

Sucedeu en Viveiro, pero tamén en Carballo ou en Burela. Está a suceder todos os días. Eran xente normal, coma vostede ou coma min. Claro.

Participacións preferentes, clásulas solo, débeda subordinada, SWAP, bonos convertibles, test de idoneidade, exemplificacións simuladas, oferta vinculante… Todos estos termos xa forman parte do vocabulario cotián, da expresión da xente normal. Úsanse en Viveiro e no resto do estado.

Dende Viveiro a Luxemburgo, dos xulgados de primeira instancia de Mondoñedo ó Tribunal de Xustiza da UE, o que se está a discutir neste preciso momento é a relación asimétrica entre entidades bancarias e consumidores, a especial obriga de información, a necesidade de transparencia.

Poida que estivera no certo Viktor Frankl cando afirmaba que a dor facía ó home lúcido e ó mundo transparente. A dor abre as perspectivas ate o fondo.

Exit mobile version