Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha sardiña pola saúde mental en Burela

A Mariña - sardiña para o desfileA asociación de saúde mental A Mariña, con centros en Burela, Ribadeo e Cervo, ten previsto un completo programa de Entroido que inclúe múltiples actividades nas distintas localidades mariñás.

Entre elas destaca a elaboración da sardiña que desfilará por Burela o mércores 1 de marzo, Día do Enterro da Sardiña, e que posteriormente será queimada na festa desta localidade. A figura, que foi construída durante as últimas semanas polos usuarios da asociación, representa a unha sardiña meiga cunha chistera sobre as ondas do mar.

Os membros da asociación tamén participarán no desfile do Enterro da Sardiña, acompañando á figura que elaboraron e visibilizando o papel das persoas con problemas de saúde mental como parte activa da comunidade.

Ademais de confeccionar o elemento central do Enterro da Sardiña, os usuarios de A Mariña tamén foron os encargados de facer os trofeos que se entregaron aos gañadores do desfile de disfraces de Burela o pasado domingo 26 de febreiro, para o cal estiveron máis de dúas semanas traballando nos seus Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral.

Por outra banda, a asociación tamén está a participar nos distintos desfiles de disfraces da comarca: o domingo 26 estiveron en Cervo, o martes 28 estarán en San Cibrao e o sábado 4 en San Román de Vilaestrofe. Para iso contan coa súa comparsa “O Enxame da Mariña”, da cal confeccionaron os seus propios disfraces de abellas, apicultores e mesmo avespas velutinas.

Coa súa participación nestas celebracións, A Mariña quere reivindicar o papel activo das persoas con problemas de saúde mental na sociedade e chamar a atención sobre a necesidade de potenciar a súa plena integración social.

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña naceu en 1999 e foi fundada por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación psicosocial e laboral.

Actualmente conta con máis de 200 socios colaboradores e con 75 usuarios, que se benefician dos servizos prestados nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e de Ribadeo, na vivenda tutelada de Burela e na Unidade Residencial de Cervo.

FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios.

Exit mobile version