Site icon Crónica3.com A Mariña

A agrupación Cultural Francisco Lanza súmase á homenaxe a Francisco Rodríguez Sánchez

Ribadeo, 21 de marzo de 2017. Desde Galiza Cultura, federación de asociacións culturais galegas da que forma parte a A.C. Francisco Lanza, estase a promover unha homenaxe a Francisco Rodríguez Sánchez, concedéndolle o Premio Nacional Galiza Cultura como recoñecimento aos 50 anos que leva ao servizo da cultura galega.

Valorouse para a esta concesión as facetas de Francisco Rodríguez como profesor, escritor e investigador, para alén de político, campo desde o que tamén se empeñou na defensa da cultura e lingua galegas. En palabras de Pilar García Negro, que apresentou no día de onte o premio, estamos diante dunha “personalidade moi rica que combina moitas facetas singulares”, e que tivo e ten unha entrega absoluta á cultura do noso país.

Francisco Rodríguez Sánchez é brillante como estudoso, sociolingüista, investigador e divulgador da nosa cultura e, por outro lado, participa activamente en distintas asociacións culturais comprometidas coa divulgación da cultura e do patrimonio. Destacan as súas investigación sobre Rosalía de Castro, que frutificaron en obras como Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro ou Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. Hai algo menos dun ano estivo en Ribadeo, convidado pola nosa asociación, presentando unha nova edición do seu xa clásico Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza.

O premio será entregue o sábado 22 de abril en Ferrol, cidade natal do premiado, e lugar de residencia, nun xantar aberto á participación de quen o desexar.

Desde a Agrupación Cultural Francisco Lanza congratulámonos por esta decisión de Galiza Cultura, da que, como se dicía antes, formamos parte, e animamos a outras asociacións a sumarse a esta homenaxe.

Exit mobile version