Site icon Crónica3.com A Mariña

“A apertura ao tráfico comercial do dique de Morás está agora nas mans do PP”, asegura o BNG

A Mariña, 25 de marzo de 2017. O BNG na Mariña valora a iniciativa aprobada onte no Parlamento para iniciar as negociacións con Alcoa ao tráfico comercial do dique norte de Morás como “un paso adiante na defensa dos intereses desta comarca”.

A responsábel comarcal nacionalista, Ana Ermida, afirmou que “o feito de que o acordo se adoptara por unanimidade dános certa esperanza para crer que dunha vez por todas se van poñer por diante os intereses xerais e deixar aparcadas outro tipo de presións ou intereses.”

“Agardamos que o Partido Popular, que é quen ten responsabilidades de goberno no Estado, escoite ao Parlamento galego e se poña desde xa a traballar para que a actividade no dique norte poida reverter na nosa comarca.”

Desde a formación nacionalista lembran que “as posturas de PSOE e PP foron variando en función de se estaban gobernando ou non en Madrid e, polo tanto, en función de se tiñan que asumir responsabilidades ou non. Non é certo o que di o deputado mariñán Daniel Vega que o PP sempre apoiou abrir o dique ao tráfico comercial, como demostra o feito de que o seu compañeiro de filas, Jaime Olano, defendía o voto en contra do Partido Popular no Congreso no ano 2014 cando o BNG presentaba unha iniciativa ao respecto.”

“Tampouco o PSOE foi exemplo nesta cuestión”, aseguran.”Queremos pensar que desta vez non vai pasar coma no ano 2008, cando o Congreso dos Deputados aprobaba por unanimidade comezar as negociacións e, o daquela goberno do PSOE, ignorou tal mandato.”

Para o BNG esta demanda, na que “nós sempre acreditamos e defendemos, é de xustiza para unha comarca como A Mariña con alta actividade económica que podería verse beneficiada e sempre esquecida polos sucesivos gobernos centrais. É hora de que os partidos con responsabilidade de goberno deixen de mirar para si mesmos e empecen a ter en conta o que pide a sociedade tamén na nosa comarca.”

Desde o BNG anuncian que o acordo de onte foi o primeiro paso, pero que a partir deste momento,estarán vixiantes para que o goberno estatal inicie as negociacións e se faga realidade a apertura do dique norte de Morás.

Exit mobile version