Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta culmina a ampliación do IES Perdouro coa adecuación completa dunha planta que suma tres aulas e un almacén

Burela, 27 de marzo de 2017.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o Instituto de Educación Secundaria (IES) Perdouro de Burela para recibir as obras da segunda fase de ampliación do centro, que consistiron na adecuación da planta semisoto.

Con esta actuación culmínase o proxecto de ampliación do centro, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investiu preto de medio millón de euros.

Así, estes últimos traballos supuxeron un investimento de 142.917 euros destinados á construción de tres aulas para obradoiros, que usarán os alumnos das especialidades de Formación Profesional, así como un almacén e aseos adaptados.

Deste xeito, xa están operativas todas as instalacións do novo edificio, despois de que nunha primeira fase se executara a construción do inmoble e a adecuación da primeira planta con dúas aulas e aseos adaptados, proxecto iniciado no último trimestre do 2015 e que contou cun investimento de 353.917 euros.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou a aposta da Xunta “por un ensino público de calidade, que se traduce na mellora constante de medios e na modernización das infraestruturas para que o alumnado dispoña de ferramentas precisas nun entorno axeitado que favoreza a aprendizaxe”.

Balseiro lembrou que as últimas obras no IES Perdouro executáronse grazas aos Fondos por Superávit que logrou a Xunta do Goberno central por cumprir os obxectivos de estabilidade.

“Nos anos máis duros da crise realizamos esforzos e fomos estritos no gasto, pero nunca descoidamos os servizos básicos: A sanidade, a educación e os servizos sociais. E de feito quixemos reverter o froito dese esforzo de contención do gasto en obras de mellora nos centros educativos, algo máis de 2,2 millóns de euros para medio cento de actuacións na provincia de Lugo”.

Na visita ao IES Perdouro participaron tamén o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o director do centro, Santiago Juan Pérez, entre outros.

Exit mobile version