Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mobilizou 3,7 millóns de euros para proporcionar liquidez e estabilidade financeira a 81 explotacións leiteiras da provincia

Lugo, 22 de marzo de 2017.- A Xunta de Galicia mobilizou o pasado ano financiamento por 3.721.000 euros na provincia de Lugo a través de dous programas destinados a proporcionar liquidez e estabilidade financeira ás explotacións leiteiras e ao sector.

En Lugo resultaron beneficiadas 81 explotacións, que recibiron distintos apoios para o refinanciamento de préstamos ou o financiamento do activo corrente. Nalgúns casos concedéronse axudas en forma de garantía e noutros bonificacións nas operacións de préstamo de modo que o tipo de xuro para os beneficiarios fora de cero.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que está aberta unha nova convocatoria destes programas que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O delegado realizou estas declaracións durante a visita a unha explotación gandeira de Esperante, no concello de Lugo, que accedeu a este programa logo de que un incendio -ocorrido o pasado mes de agosto- causara graves danos, acabando coas reservas de forraxe e estragando parte da maquinaria.

Balseiro sinalou que “os apoios do Igape pretenden adecuar e reforzar a estrutura financeira das explotacións leiteiras” e non son de concorrencia competitiva por canto “a vontade da Xunta é impulsar calquera proxecto de investimento que poidan levar adiante os agricultores e gandeiros, sempre que cumpran os requisitos especificados nas bases da convocatoria”.

Ademais, as solicitudes poden ser atendidas practicamente ao longo de todo o ano, xa que o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 31 de outubro de 2017.

O delegado destacou o apoio da Xunta ao rural e en concreto ao sector leiteiro, “que resulta un piar fundamental no tecido produtivo da nosa provincia”. Afirmou que os distintos programas de actuación postos en marcha polo Goberno autonómico van dirixidos a conseguir “explotacións dimensionadas, modernas e profesionalizadas, capaces de xogar o papel motor que lles corresponde na dinamización do medio rural”.

Liñas de axuda
As convocatorias do Igape van dirixidas ao refinanciamento de pasivos e apoio ao circulante. No primeiro caso poderanse acoller a esta liña aquelas explotacións gandeiras que formalicen un préstamo a longo prazo que se destine a cancelación, en todo ou en parte, de pasivos financeiros formalizados con entidades de crédito e con vencemento a curto ou medio prazo, co obxecto de alcanzar o equilibrio financeiro e acomodar os fluxos monetarios de entrada e saída e evitar, deste xeito, problemas de liquidez.

Enténdense por pasivos financeiros refinanciables as pólizas de préstamo ou contratos de leasing ou pólizas de crédito, entre outros.

Por outra banda, poderanse acoller ao programa de apoio ao circulante aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing.

As bases reguladoras de ambas liñas de apoio poden consultarse no Diario Oficial de Galicia do día 30 de decembro de 2016.

Exit mobile version