Site icon Crónica3.com A Mariña

As cousas claras como a auga

Foz, 21 de marzo de 2017. Vamos a ser claras, unha vez máis, con vostede, señor alcalde, e máis co resto da veciñanza porque cremos que é de recibo explicarlles ben por que agora se vai retirar das arcas municipais, cartos de todos e todas, máis dun millón de euros.

O alcalde, neste caso vostede, señor Castiñeira, é o órgano executivo do concello, polo tanto é a súa responsabilidade, e solo súa, a execución da sentenza.

Se fai uso desta responsabilidade en solitario, como así fixo cando decidiu non recurrir a sentenza ante o Tribunal, entón non nos faga “cómplices” ao resto da corporación da decisión que se debe tomar agora para poder afrontar esta sentenza millonaria.

O Pleno e as concelleiras e concelleiros da corporación temos a responsabilidade de apoiar ou non un orzamento, decidir sobre a presentación, as modificacións de crédito, etc, pero non de executar sentenzas. É, polo tanto, o alcalde quen debe propoñer as solucións e somos nós quen responsablemente valoraremos todo no seu conxunto e segundo os trámites legais apoiaremos ou non, como fixemos até o de agora.

O BNG votou dúas veces en contra da proposta popular de actualización de taxas polo simple feito de que non viñan debidamente xustificadas e así o advertían os técnicos municipais.

E é ben certo que tamén nos opuxemos a ese pacto coa empresa Gestagua que vostede menciona porque supoñía que o Concello achantase coa débeda que eles presentaban a cambio de non ir ao xulgado e que tamén viña informada negativamente por parte dos servizos técnicos do concello con calificativos como “pouco claro” e mesmo “abusivo”. Evidentemente nunca imos estar de acordo con isto, porque seguimos sen saber se a empresa cumpre coa súa parte do contrato e porque o máis seguro é que ese pacto levase da man unha ampliación de contrato privado que nós non queremos para o noso concello, xa que como ben sabe sempre defendimos a municipalización.

Así que, como conclusión, non defendemos nin defenderemos nunca a privatización do servizo de abastecemento e depuración de augas, queremos coñecer a débeda que a empresa ten cos veciños e queremos que sexan os responsables desta situación quen propoñan as solucións legais adecuadas.

Lorena Seivane
Teresa Rego
Voceiras do BNG de Foz

Exit mobile version