Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá a fase final do campionato de España de baloncesto de clubs na categoría junior feminina

220317 Foto baloncesto BurelaBurela, 22 de marzo de 2017. Burela acollerá a fase final do Campionato de España de Baloncesto de Clubs na categoría junior feminina. Nas últimas horas o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, e o alcalde, Alfredo Llano, mantiveron un encontro co presidente do CB Breogán e do Club Estudiantes, Jesús Lázare, co director deportivo do Estudiantes, Cristino Menor, e con representantes da Federación de Baloncesto, para analizar todas as cuestións relativas á organización deste evento deportivo, que terá lugar do 7 ao 13 maio na Mariña luguesa. Ademais de Burela o Campionato disputarase tamén en Viveiro e en San Ciprián.

Fernández Rey aludiu á importante repercusión económica que suporá para Burela a celebración da fase final deste Campionato: “estamos a falar dunhas 500 persoas entre xogadoras e corpos técnicos e mais os seus acompañantes, en total unhas 1.500 persoas se moverán eses días por esta zona. Agardamos unha ocupación hoteleira do 100% e o sector hostaleiro e da restauración serán os grandes beneficiados deste evento. Xa temos constancia de que os equipos participantes están comezando a facer as súas reservas para pasar eses días hospedados en Burela. E o noso pobo aproveitará todo o tirón mediático deste evento para a súa promoción turística”.

O concelleiro de Deportes sinalou que “dende o Concello estamos especialmente satisfeitos de que a fase final se xogue en Burela xa que imos a desfrutar das melloras xogadoras de baloncesto feminino de España. Dende o Concello imos poñer todos os medios humanos e materiais posibles para axudar a que a sede de Burela estea á altura do evento e conxuntamente co Clube Baloncesto Burela traballaremos para que a imaxe do noso pobo saia reforzada. Ademais valoramos moi positivamente que parte da inversión que vai facer o Concello vaia a repercutir no noso Clube de Baloncesto, que era un dos nosos obxetivos. O Concello vai a facer unha importante aposta económica por este evento, pero evidentemente o retorno do mesmo está fora de toda dúbida e tanto Burela como pobo, como os negocios de hostelería, comercio e restauración estamos de noraboa polo feito de que estas xestións nas que levamos traballando dende hai meses chegaran a bo porto. Dende o Concello estamos moi contentos e satisfeitos porque este campionato se vaia a celebrar en Burela”.

O edil de Deportes subliñou que “desde o Concello apostamos decididamente polo deporte feminino e por visualizalo e este evento é a mellor ocasión que podemos ter para demostralo con feitos. Será importante para o deporte de Burela e da nosa comarca e tamén para a promoción turística que suporá tamén para as tres sedes que acollerán a celebración deste Campionato de España de Clubs. Temos que aproveitar a súa presenza aquí para darlles a coñecer os atractivos turísticos cos que contamos”.

Exit mobile version