Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebrou o día da árbore con diferentes actividades ao longo dos últimos días e con plantacións de diversas especies

IMG_20170321_092436Burela, 21 de marzo de 2017. A Concellería de Medio Ambiente celebrou o día da árbore este 21 de marzo con múltiples actividades e plantacións con diferentes colectivos. Por un lado, onte, organizaron un taller denominado Non malgastes papel cos alumnos de 2º de Primaria do CEIP Virxe do Carme, “no que os rapaces aprenderon a importancia de non malgastar papel e realizaron papel a partir de papel usado”, segundo explican as monitoras de Gaia.

Desde a Delegación Municipal de Medio Ambiente engaden que “ademais durante estes días tivo lugar en diferentes centros escolares e asociacións do pobo o xogo Que árbore é?, no que as monitoras de Gaia daban cada día unha pista sobre unha árbore e os rapaces tiñan que adiviñar de cal se trataba. Hoxe, 21 de marzo, os colectivos participantes plantaron árbores ou plantas en distintas localizacións do noso pobo. No CEIP Virxe do Carme plantamos dúas roseiras e un limoeiro, os rapaces de Eu Son plantaron unha camelia e un macizo con plantas de flor no parque Rosalía de Castro, e os rapaces da Asociación A Mariña plantaron dous castiñeiros na zona dos castiñeiros centenarios de Burela”. Este venres, día 24, serán os alumnos do CEIP Vista Alegre os que planten unha árbore no recinto escolar.

Noelia Mª Ben, a concelleira de Medio Ambiente, destaca “a importancia de protexer os nosos bosques e árbores, xa que proporcionan bens e servizos fundamentais, contribúen a asegurala alimentación, a auga e o aire limpo. Ademais protexen o solo e son fundamentais para lograr un desenrolo sostible”.

Exit mobile version