Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. Deuses caídos e deidades nacentes

Unha das preocupacións cardinais da filosofía como ciencia social recae sobre a metafísica, o eterno dilema xurdido a propósito da existencia divina e da súa influencia no material. Non será a pretensión desta humilde opinión profundizar ao respecto, si traer a colación algún dato biográfico que relacionar.

Contan que Nietzsche rematou os seus días completamente tolo, cunhas durísimas migrañas que non lle deixaban escribir e que, en vida, tampouco foi un escritor de narrativa best-seller.
Tamén é coñecida a súa discusión interna a propósito da existencia divina, que inicialmente defendeu, e que con posterioridade negou, sendo o autor do Anticristo. Un día, no colexio, cando lle dixeron que os heroes non existían queimouse unha man.

Todas estas reseñas biográficas teñen por fin ilustrar a contradición permanente, a dicotomía, a pulsión constante entre ideas contrapostas. Poida que non exista maior exercicio de rebeldía que os propios demos, as contra diccións internas. Mínimo denominador común humano, capaces do mellor e do peor.

Na convulsión dos días que estamos a vivir coñecemos a Marisa, a muller ferrolá que deu sepultura a seis fillos: cinco deles pola lacra da heroína e unha filla enferma de cancro. Aos 76 anos, rotulaba o xornal que publicaba a súa historia, “Marisa non se vai, segue falando dos seus fillos, das súas mozas, dos seus netos…”

Tamén, en idénticas datas, nos deixou Chuck Berry; a pesar de que o xerme do r&r foi o primixenio blues os seus expoñentes negros nunca chegaron a transcender e xermolaron lendas de músicos “malditos” como o pioneiro Robert Johnson, que finou ós 27 anos de idade, deixando tras de si unha relación de clásicos do cancioneiro americano e un alma vendida ao demo a cambio de talento.

Berry tampouco o tivo especialmente sinxelo a pesar de ser un dos poucos afroamericanos que fixo carreira nun negocio musical popularizado por Sam Philips en Memphis e factoría Sun Records. Toda unha vida plagada de dificultades, excentricidades e, incluso, unha estancia en prisión condenado por un delito de roubo a man armada. Quen con lobos anda a ouvear aprende.

Novos tempos e vellas historias marcadas polo sufrimento, a dor e a exclusión social. Uns marchan e outros veñen e o recoñecemento –si é que chega algún día- semella sempre unha cuestión fortuíta e caprichosa allea sempre a calquera ao mérito.

Tal día coma hoxe que Europa volve a chorar a barbarie dun ataque nas inmediacións de Westminster, aínda confusos pola posible autoría terrorista, desconcertados polo Brexit, contrariados pola cuestión catalana e pola condena de Homs e consternados pola espiral de xenofobia que se está a consolidar en América e en Europa…

Tal día coma hoxe é máis imprescindible que nunca tomar a referencia das nais coraxe que loitaron ata a extenuación contra a droga, de reivindicar a todos aqueles artistas marxinados que non foron recoñecidos en vida e de louvar aos parias, ácratas e inadaptados que viviron nunha contradición perenne.

Exit mobile version