Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias. Materias pendentes

No mesmo intre do seu nacemento a súa vida estivo marcada polas dificultades e pola incomprensión social. Na súa partida podía lerse: “filla de pais incógnitos” e que ía sen número por non ter pasado á Inclusa. Cando naceu Rosalía o seu pai, José Martínez Viojo, eclesiástico de profesión, viuse impedido a recoñecer a súa paternidade como consecuencia da súa condición.

Emilia Pardo Bazán naceu no seo dunha familia nobre, pero sempre atopou serios obstáculos para acadar o recoñecemento dos ambientes intelectuais, non chegando nunca a ser admitida na Real Academia da Lingua Española.

Concepción Arenal foi unha das pioneiras do feminismo en España e na súa obra facía unha denuncia explícita á situación nas cárceres de homes e mulleres; seguen vixentes as súas reflexións sobre a necesidade reeducadora do sistema penal e dos delincuentes plasmadas na súa obra “El visitador del preso”. Ela dicía que a dor, cando non se convertía en verduga, era unha gran mestra.

As tres referentes atemporais, coa notoriedade e recoñecemento outorgado pola sociedade, e con vidas marcadas polas dificultades; todas elas formadas na escola da dor e da incomprensión.
Pero houbo moitas máis, case todas elas descoñecidas, que recibiron educación no mesmo colexio: aquelas que facían de pais e nais -cando os seu homes ían ó mar-, todas elas co seu correspondente poder notarial tan amplo como fora necesario, que traballaban coma agricultoras nun sistema de auto-abastecemento, que alternaban os coidados dos vellos con labores inacabables…

Todas elas dependentes economicamente, nunha sociedade onde a liberdade se asocia de xeito intrínseco á capacidade para acceder ó consumo, non parecían dispor de moita. Para paliar tremenda inxustiza déuselles a oportunidade de traballar –como se antes estiveran folgando-, entón gañaron autonomía económica e hipotecaron todo o seu tempo, sendo agora pluriempregadas.

Pero, aínda que xa convertín a presente opinión, nun conxunto de tópicos e historias manidas a propósito da emancipación da muller quero que, máis aló diso, sirva para compartir o seguinte pensamento: a discriminación positiva debe rematar, é unha perversión.

Enténdese por tal toda política social encamiñada a mellorar as condicións de vida dos grupos desfavorecidos, darlles un tratamento vantaxoso para que poidan equipararse ós seus iguais.
A aceptación da discriminación positiva por parte dos poderes públicos implica, como consecuencia inequívoca da primeira, recoñecer a virtualidade dunha discriminación en sentido negativo.

Por iso a implantación de medidas de discriminación positiva, en calquera eido, conlevará o recoñecemento tácito da nosa impotencia para acadar a igualdade, o noso fracaso como sociedade á hora de comprender, á hora de educar. Por unha sociedade futura igualitaria sen violencia nin machismo.

Exit mobile version