Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúan as xornadas de teatro de Ollomao en Barreiros

Barreiros 16-3-17. Despois do éxito na primeira fin de semana, na que máis dun cento de espectadoras/os presenciaron as postas en escena de Falcatrueiros e Ollomao, as xornadas de teatro de Barreiros continúan con dúas novas propostas para esta fin de semana.

O sábado 18, ás sete da tarde e no Centro sociocultural de San Cosme, será o grupo MARTABELAS de Teo o que, coa dirección de Xurxo Barcala, porá en escena “DEZ BAIXO CERO”, unha obra de suspense clásico na que os constantes xiros de guión e a intriga non dan un segundo de respiro ao espectador-a. A piques de chegar o Nadal, Susana volve para pasar as vacacións na casa da súa familia. No alto da montaña, unha nevada que está a punto de caer parece querer colaborar creando un cálido ambiente típico destas festas. Pero unha tráxica sorpresa desatará unha tormenta dentro da casa que fará que se destape a caixa dos tronos deixando a todo o mundo conxelado nas súas miserias.

O domingo 19 será a quenda para o grupo chegado da localide veciña de Lourenzá. O grupo TRANGALLEIROS representará a obra A TABERNA DE SUSO. Será nos Colexios Vellos de San Miguel ás sete da tarde. A Taberna de Suso é unha comedia hosteleira cunhas personaxes moi peculiares e onde a maior preocupación do dono é poder deixar a taberna para ter unha vida acomodada. A clientela tampouco o fai sinxelo xa que non fan cousa que non sexa queixarse dos seus traballos e de que as súas vidas non son  as que imaxinaban. Durante o desenrolo da obra ábrense varios frontes entre os que destacan historias de amor e desenganos amorosos que non sempre acaban mal.

As entradas, que poderán adquirirse nos propios locais desde media hora antes do inicio da función, terán un prezo de 2 euros

 

Exit mobile version