Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia valora que despois de dez anos de Goberno socialista a Deputación de Lugo empece a acertar “só cando está en minoría”

Lugo, 23 de marzo de 2017.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, valora que despois de dez anos de Goberno socialista na Deputación de Lugo o equipo de Goberno empece a acertar “só cando está en minoría”. Así, agradece que o equipo de Goberno se vira obrigado a escoitar á oposición, o que trouxo consigo a aprobación dun plan único de cooperación cos concellos que reforce a súa autonomía e responsabilidade dándolle sentido ao cometido que deben ter as Deputacións Provinciais.

“Ponse de manifesto o que este partido viña denunciando, que vivimos dez anos de desgoberno no que primaba a desigualdade no reparto dos fondos públicos e agora que se atopan en minoría é cando eses desequilibrios empezan a remitir”, analiza a popular.

“A oposición coas súas achegas obrigounos a modificar a súa postura e por iso agora se logra un reparto máis equilibrado dos fondos públicos que van destinados aos concellos da provincia”, engade.

Desde o Grupo Provincial do PP insisten en que o acordo acadado no pasado Pleno non supón un cheque en branco, senón un paso máis na defensa da autonomía local. Así, a voceira do PP avanza que intentarán que algúns límites dos incluídos nese plan se eliminen o flexibilicen para avanzar aínda máis nese reparto equilibrado dos fondos.

Desde o PP estiman o cambio de política que se está a producir na Deputación de Lugo, grazas á unha maior participación da oposición nas decisións que se toman desde o Goberno en minoría. “Só acerta cando escoita á oposición e seguiremos traballando para que siga por ese camiño e esta institución faga o que lle corresponde e goberne para todos”, subliña.

Chamamento á unidade
En relación coa proposta de modificación do regulamento orgánico que o PP defenderá no Pleno extraordinario do vindeiro luns a voceira do Grupo Provincial Popular fai un chamamento ao resto dos grupos para poder negociar o texto definitivo e que sexa aprobado por unanimidade. “Agradecemos a PSOE e BNG que nos fagan chegar as súas achegas para poder acadar un documento consensuado”, explica.

Desde o PP insisten na necesidade dunha modificación no regulamento, posto que o vixente foi quedando obsoleto pola concorrencia de cambios normativos e sociais, entre eles a adaptación ás modificación da lexislación de procedemento administrativo, en especial sobre a entrada en vigor da Lei de transparencia ou dos textos que regulan a administración electrónica, entre outros.

Exit mobile version