Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo participa na presentación das Feiras do Libro

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron hoxe no Gaiás o calendario das Feiras do Libro de Galicia 2017 e anunciaron as feiras internacionais nas que vai participar o sector editorial co apoio do Goberno galego.

O titular de cultura destacou a importancia das feiras para achegar á cidadanía as novidades editoriais no marco dun contexto de ocio no que maiores e pequenos poidan atopar actividades e lecturas do seu interese e, así mesmo, lembrou que Galicia contará este ano cun total de “16 feiras do Libro Novo, a cifra máis elevada da última década.” Serán en total dúas citas máis que a pasada edición.

Durante a presentación, o conselleiro sinalou o importante papel das feiras para favorecer a aproximación ao mundo do libro e a dinamización da lectura. Neste sentido, Román Rodríguez explicou que gañar lectores é gañar para Galicia, e que isto supón alicerzar o noso futuro como sociedade. Neste acto informativo estiveron presentes representantes dos distintos concellos galegos que acollen este ano as feiras.

Calendario feiral
Como novidade respecto de 2016, as Feiras do Libro de Galicia van chegar este ano aos concellos de Verín, de Mondoñedo e de Ponteareas, mentres que a cidade de Pontevedra non se incorpora ao circuíto. O percorrido polas catro provincias galegas iníciase o 31 de marzo e a súa primeira parada será o concello de Verín, onde permanecerá até o 2 de abril; do 19 ao 23 de abril estará en Ferrol. Na capital de Galicia a cita será desde o 29 de abril ata o 7 de maio. No mes das letras tamén será a quenda das feiras de Lugo, do 16 ao 21 de maio, e de Ourense, do 31 de maio ao 4 de xuño. Redondela celebrará a súa feira do libro entre o 8 e o 11 de xuño e posteriormente terán lugar as feiras de Ribeira, do 22 ao 25 de xuño; Vigo, do 29 de xuño ao 8 de xullo; e de Ponteareas, do 27 ao 30 de xullo. No mes de agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival.

O novo calendario de feiras do libro forma parte dunha estratexia integral de apoio ao sector editorial galego. Tamén forma parte desta estratexia a presenza da comunidade nas feiras internacionais do libro. En concreto, o sector editorial galego participará en 2017 cun stand propio nas feiras de Boloña (do 3 ao 6 de abril), Buenos Aires (do 25 de abril ao 15 de maio), Frankfurt (do 11 ao 15 de outubro) e a cita mexicana de Guadalaxara (do 25 de novembro ao 3 de decembro). “Ademais este ano –explicou Román Rodríguez– a Consellería de Cultura e Educación tamén apoiará a asistencia do sector a outra cita clave como é Liber 17”, que neste caso e co gallo da súa 35ª edición regresa ao Ifema en Madrid.

Balance das Feiras do Libro 2016
Desde a Federación de Librarías de Galicia explicouse que a tendencia que ofrecen os datos nestas citas co libro, a literatura e a lectura é positiva. En concreto, respecto a 2015, no 2016 houbo un aumento dun 43% nas actividades realizadas entre presentacións de libros, sinaturas, eventos infantís e outras actividades culturais complementarias. Ademais, de 2015 a 2016, pasouse de 202 a 213 librarías e entidades participantes e de 863 a 926 profesionais involucrados. Así mesmo, durante o 2016, rexistrouse un incremento dun 9% de visitantes en comparación con 2015, pasando de 419.000 a 457.000.

Exit mobile version