Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz advirte que a estimación dunha alegación ao proxecto de remodelación da Rúa Álvaro Cunqueiro poría en risco a execución desa obra

Foz, 24 de marzo de 2017. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, advirte que a estimación dunha alegación presentada por un veciño ao proxecto de remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro poría en risco a execución desa obra. Este asunto tratarase o vindeiro xoves no pleno da corporación, sesión na que ademais irá a aprobación o orzamento do Concello para este ano 2017.

O rexedor municipal explicou hoxe que “na tarde de onte reuniuse a comisión previa ao pleno que se celebrará o próximo xoves. Hai dous asuntos importantes que van a esta sesión: o primeiro é a aprobación dos orzamentos e a valoración que fai o equipo de goberno é que ten a seguridade de que se van aprobar. Os orzamentos están condicionados por unha execución de sentenza do xulgado que obriga a abonar á empresa Gestagua 1.078.000 euros para o pago da débeda; e hai unha responsabilidade dos concelleiros e o propio xulgado apercibe. Polo tanto entendo que os orzamentos van aprobarse sen ningún tipo de problema”.

Para Javier Castiñeira “o punto que verdadeiramente preocupa é o referido á obra na rúa Álvaro Cunqueiro, posto que houbo unha alegación no período de exposición ao público do proxecto de remodelación de Álvaro Cunqueiro. Esa alegación ataca á totalidade do proxecto e pode haber o risco de que a oposición acepte esa alegación e se vaian ao traste todos os compromisos que agora mesmo hai adquiridos con respecto a esta obra tan importante: compromisos coa Deputación, que financia a metade; compromisos bancarios, porque hai un crédito xa pedido para esta obra; e compromisos coa ACIA e cos veciños de arranxo da vía Álvaro Cunqueiro sabendo que a Avenida da Mariña xa se vai executar en próximos meses”.

O alcalde espera que “a oposición non teña a tentación de estimar esa alegación porque iríase ao tacho un proxecto que eles mesmos aprobaron en xuntas de portavoces anteriores. Polo tanto teño certo temor a que os grupos da oposición poidan estimar esta alegación en contra da viabilidade desta obra. Pero unha vez que se desestime esta alegación e se aprobe o proxecto definitivo, sairá xa o prego e o proxecto de contratación desta obra para pode empezala despois do verán”.

Castiñeira rematou comentando que ten “certo medo a que a oposición poida caer na tentación de estimar esta alegación e ataque os intereses desta obra tan importante e primordial para o noso concello, como é a remodelación da rúa Álvaro Cunqueiro”.

Exit mobile version